Escolares de 19 centros de ensino participaron onte no Correlingua 2019, que se desenvolveu na Praza Maior e no Auditorio, con xogos populares, concurso de pancartas, percorrido polas rúas da cidade, actuacións do grupo de gaitas do CPR Seminario Menor A Inmaculada, lectura do manifesto 2019, proxección dos vídeos gañadores do concurso, actuación do Grupo Cuarta Xusta, gañador do Cantalingua, entre outras actividades de reivindicación da lingua.

"Temos química coa nosa lingua" é o título do manifesto 2019 do Correlingua, e foi a proposta gañadora feita por que as mozas e mozos de 4º da ESO do IES de Carral de A Coruña que gañaron o concurso de manifesto do Correlingua 2019.

O manifesto parte dun texto que integra os elementos da táboa periódica coas reivindicacións en favor do uso do galego por todas as persoas e en todos os contextos. O xurado escolleu como gañador este texto, "O galego é a fórmula", referido á necesidade de que o galego teña presenza en todas as materias do ensino, tamén nas do ámbito científico.

Premios Día das Letras

Tamén na xornada de onte A Concellería de Educación do Concello de Ourense celebrou o Día das Letras con escolares dos centros educativos na Praza de San Martiño coa representación do espectáculo homenaxe a Antón Fraguas "Os romeiros do caracol", de Fantoches Baj, e a entrega de premios do VII Certame de Microrrelato online. O certame, que ten como obxectivo fomentar o uso do galego a través da capacidade creativa dos escolares, tivo este ano tivo por tema "As Mulleres en Galicia", e contou coa participación de 35 traballos de 8 centros de ensino.

O Xurado único, composto pola escritora Arantza Portabales Santomé, acordou conceder o premio na modalidade Infantil a María Victoria Outeiriño Cid de 6º curso de Educación Primaria do colexio Sta Teresa de Jesús polo seu traballo titulado "Testemuño dunha Muller na Guerra".

Na modalidade Xuvenil a gañadora foi Beatriz Rodríguez Alves de 3º de ESO do CPR Plurilingüe Padre Feijoo Zorelle polo seu traballo titulado "Cambio de Rumbo".

O alumnado asistente tivo a oportunidade de gozar co espectáculo homenaxe a Antón Fraguas "Os romeiros do caracol", monicreques, música en diercto, teatro e narración oral.

Asistiron á actividade 120 alumnos e alumnas de 5º e 6º curso de Educación Primaria dos colexios Padre Feijoo, Santa Teresa de Jesús e A Purísima.