03 de octubre de 2009
03.10.2009

Morre ós 85 anos o cronista oficial de Ourense, Anselmo López Morais

Faleceu a causa dun longo proceso de debilitamento que o afastou do Ateneo

03.10.2009 | 01:44
Anselmo López Morais diante da catedral de Ourense. // Iñaki Osorio

Ourense está de loito. Na xornada de onte, ás sete da tarde, morreu o cronista oficial da cidade, Anselmo López Morais, ós 85 anos de idade, despois de padecer un longo proceso de debilitamento e descalcificación que o mantivo apartado da presidencia do Ateneo, da que se fixo cargo Antón Fidalgo Santamariña.
López Morais tivo que empregarse a fondo nos últimos anos da súa vida, para salvar os locais da entidade recreativa, que tentaba recuperar o propietario, titular do Hotel San Martín. Pero grazas á advertencia de que a entidade recorrería á vía do contencioso, para facer valer o dereito de servidume que tiña a entreplanta -debe manter unha función de tipo recreativo-cultural para a cidade, como contrapartida ó permiso que lle deu o Concello ó construtor para que puidera levantar un edificio con sete plantas máis do que permitía a normativa-, paralizouse o proceso.
Anselmo López Morais deixa tras de si unha obra sólida e rigorosa, que elaborou de xeito silencioso ó longo de laboriosos anos, imprescindible para coñecer a fondo a historia de Ourense. A concelleira de Cultura, Isabel Pérez, adianta que o Concello "renderalle os honores que lle corresponden como cronista oficial da cidade". E sinala: "Ademais do papel que desempeñou como autor e no eido da investigación histórica, sempre o lembraremos coma o presidente do Ateneo, unha entidade que permaneceu aberta para todos". Pola súa parte, o antropólogo e presidente en funcións do Ateneo, Antón Fidalgo Santamariña, contempla a López Morais coma "un pensador que dende a esquerda tecía a súa concepción da realidade".
Anselmo López Morais naceu en Ourense, o 25 de agosto de 1924. Licenciado en Dereito pola Universidade de Compostela, diplomado en Graduado Social, Alférez de Complemento de Infantería, membro correspondente do Instituto Español de Dereito Procesal, presidente do Ateneo e Cronista Oficial de Ourense.
Casou coa profesora María Leonor Carrera Montero. Pai de catro fillos: Anselmo, historiador e profesor de BUP; María Leonor, bióloga e profesora; Xesús, avogado e profesor, e María do Carme, restauradora de arte e monitora de Educación Física. Autor dos libros Cerámica Gallega, Artesanía ourensá, Cerámica popular gallega, Cerámica artística gallega, Castelar y el regionalismo gallego, La Ley Orgánica del Estado, Castelao y la cerámica gallega, Juan Manuel Paz Nóvoa, Paz Nóvoa y el problema de los foros, Viaje por los pequeños museos de Galicia, El proceso de Curros Enríquez, Crucifijo de Miguel Ángel, Botamen de Francia del Hospital Provincial de Orense, Dos vírgenes de Gambino, Orense en las grandes exposiciones de arte e El Ourense perdurable.
A memoria de López Morais, segundo comentaba nunha entrevista concedida a Faro, alcanzaba a época na que Ourense era unha cidade pequena. "Andaba sobre os 18.000 habitantes. Era unha cidade entrañable, na que nos coñeciamos todos".
O seu pai coñecíase na provincia polo nome do "capitán Anselmo". Foi o que implantou a República en Ourense. El era militar, con graduación de capitán, ademais de avogado. Deixou o Exército cando entrou en vigor a Ley de Azaña. "Unha anéctoda importante do meu pai, contada por Xosé Luís López Cid", lembraba Morais, "é que o 14 de abril levárono a ombros ó Goberno Civil, que estaba no edificio que hoxe ocupa a Deputación. El ía co uniforme de militar. Como era de Infantería, tiña como emblema a coroa real, que arrancou ante todo o público. Tanto el coma a miña nai eran de familias de dereitas, familias conservadoras, familias relixiosas, pero o meu pai rompeu esa traxectoria de dereitas. Sendo militar, antes de retirarse, pasouse ó republicanismo. Despois do ano 1936 foi xulgado no famoso consello de guerra no que condenaron e fusilaron ó ex alcalde Manolo Suárez. Foi xulgado no Paraninfo do Instituto do Xardín. Ó meu pai puxéronlle cadea perpetua. Cumpriu os primeiros anos no castelo de San Felipe de Ferrol". Morais lembraba que a familia pasárao moi mal durante o Alzamento, "porque pedíronlle ó meu pai pena de morte no consello de guerra. Condenárono a cadea perpetua. Encerrárono no castelo de San Felipe do Ferrol.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

Calendario laboral y escolar 2017/2018

Calendario laboral 2018 en Galicia

Calendario Laboral 2018 en Galicia

Aquí tienes a tú disposición todos los días festivos en  Vigo y en Galicia , así como el Calendario escolar 2017/2018 .

 

 

GALICIA EN VINOS

Galicia en Vinos

Todos los vinos de Galicia

Consulta aquí todos los vinos de las cinco denominaciones de origen de Galicia


Enlaces recomendados: Premios Cine