Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A epidemia do cólera en Moaña en 1854

Cerca dunha vintena de veciños da vila finaron ese ano por mor desta enfermidade

Neste cemiterio (parking na actualidade) sepultáronse os moañeses falecidos de cólera en 1854. Foto da década dos anos 20 do pasado século. / M.U.G.

A bacteria do cólera chegou a Vigo na data do 19 de novembro do ano 1853 a bordo do vapor Isabel "A Católica" polo que as persoas embarcadas nel, tiveron que pasar a corentena no lazareto da illa de San Simón. Aos poucos días, a enfermidade espallouse polas entidades de poboación das Rías Baixas onde ía aumentando a súa agresividade.

Nese tempo, xa se xuntaran as históricas parroquias de Tirán, Moaña, Domaio e Meira para formar o "Axuntamento constitucional de Meira", con capital nesta última vila e couto onde era alcalde o Sr. do pazo do Foxón, en Tirán, D. Eugenio Vicente Matos. A xuntanza durou ata o ano 1874 en que se trasladou para Moaña, onde continúa baixo o nome de "Concello de Moaña".

Segundo informaron na Casa do Concello, durante o traslado, desapareceron unha gran parte dos documentos arquivados, tendo que ir ao Arquivo Diocesano de Santiago para pescudar nos que se trasladaran alí desde a reitoral moañesa e, noutros propios do arcebispado.

Tendo en conta o sinalado anteriormente, na data do 7 de xaneiro de 1854, coincidindo cos fortes enfrontamentos que tiñan lugar en toda España entre a Igrexa e o Estado, o párroco de Moaña, D. Gregorio Benito Saavedra, último dos sete abades que ao longo do tempo exerceron na parroquia, mandoulle unha carta ao arcebispo, conservada actualmente na documentación xeral de dito arquivo compostelán. Nela quéixase sobre a actitude do alcalde do Axuntamento de Meira, o citado Sr. Matos, que se dirixira a el para ordenarlle que non se volveran a transportar os defuntos en caixa cuberta; que fosen directamente ao cemiterio sen entraren dentro da igrexa, que enmudecesen os tanguidos mortuorios das campás e non soasen campaíñas durante os viáticos.

O motivo alegado para ditar tales disposicións foi a enfermidade de cólera da que estaban afectados varios veciños da freguesía moañesa; daquela, como era costume levar á maioría dos mortos dende a súa vivenda ata o cemiterio, situado a carón da igrexa, nunha caixa aberta común que se gardaba dentro da casa da Fábrica, o alcalde, por prevención, ordenou que estivese pechada e, para que se cumpriran todas as ordes ditadas, o propio rexedor acompañou a un defunto montado a cabalo, pola tarde, sen que pasasen vinte e catro horas do seu falecemento. Segundo destaca o párroco moañés na misiva, esta actuación do alcalde foi motivo dun grande escándalo, alegando tamén, que non dispoñía de diñeiro para tapar a caixa, aínda que lle ía poñer un pano negro.

Da súa lectura despréndese que os representantes da igrexa de Moaña non estaban moito de acordo coas disposicións que saían da alcaldía de Meira, as cales foran ditadas para evitar contaxios e alarmas na poboación.

No Libro de mortos parroquial de S. Martiño de Moaña, están relacionados un total de dezasete persoas que morreron desde o 18 de xaneiro ata o 6 de agosto do ano 1854 e unha, o 17 de outubro de 1856, da seguinte enfermidade: "? fiebre esencial primitiva localizando sus efectos en el aparato digestivo, cuyos fenómenos caracterizan el cólera".

Ou dunha maneira máis sinxela, cólera morbo; de ambos os dous xeitos está sinalada a enfermidade en dito libro de mortos, única fonte para coñecer os datos das persoas que finaron por cólera pois, ata o ano 1871 non se inauguraron os rexistros civís en toda España

Salientan os asentos que a maioría deles recibiron soamente os sacramentos da penitencia e unción dos enfermos, sen dúbida porque os problemas dixestivos que levaba consigo e enfermidade, impedíanlles tomar a comuñón e, cando se refiren ao finado José Pombar, da Miranda, solteiro de trinta e tres anos, lese que non recibiu os sacramentos por ser fatuo; debe entenderse que se trataba dun diminuído psíquico.

Diante dos 17 mortos inscritos en 1854, máis outro posible, pero non rexistrado como tal polo abade, chégase a conclusión que en dito ano, un 25% dos 70 moañeses falecidos o foron por esa enfermidade contaxiosa. Deles, 4 eran de Abelendo, 4 da Seara, 2 do Cruceiro, 2 de Quintela e 1 de cada barrio da Miranda, Outeiro de Sabaceda, Sanchelán, Casanova e A Xalde.

De remate, sinalar que dous anos despois, na data do 17 de outubro de 1856 morreu, tamén de cólera, o perito agrimensor Antonio Benito Soage, de Abelendo.

Este é un resumen do mal que se pasou na parroquia histórica de Moaña durante a pandemia de cólera para a que, apenas se tomaron medidas hixiénicas contra a bacteria "vibrio cholerae" contaxiada a través da bebida de auga contaminada.

*Veciño de Moaña

Compartir el artículo

stats