Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Ánxela Vizoso Marcos: "Francamente, confío no sorpasso a ACE e BNG e ser a próxima alcaldesa de Cangas"

Advirte un amplo respaldo popular e asegura que respectará o código ético que limita a oito anos a presenza nas institucións

Ánxela Vizoso, onte, no balcón do Concello de Cangas ao que se accede desde a Alcaldía. // G.N.

Avante!-Candidatura Veciñal é nova nas eleccións municipais que se celebran o domingo, pero Ánxela Vizoso xa encabezou a lista de Asemblea pola Unidade (ASpUN) en 2015 e exerce como concelleira de Desenvolvemento Económico e Emprego Local.

-Hai catro anos, e a última hora, constituíron ASpUN e deulles moi bos resultados electorais. Agora cambian de siglas. Non é un risco?

-Avante! é un paso máis. Trata de aglutinar as forzas de esquerda e con ese fin falamos con colectivos, entidades e grupos políticos. Pode ser arriscado, pero coincidimos en que era o momento de traballar e aunar forzas. Puxemos toda a carne no asador e renunciamos ás siglas de ASpUN en favor dun proxecto polo ben común, xuntando xentes de distintos sectores. E estamos satisfeitos coa iniciativa.

-Algúns sectores aínda ven en ASpUN ou Avante! formacións antisistema. Que lles di, despois deste tempo na corporación local?

-Que as institucións si funcionan, e o Concello é a máis cercana á veciñanza. Quen dubide do noso compromiso, que lle bote unha ollada ao noso programa, serio e con propostas concretas.

-Cre que a súa designación como candidata ten algo que ver coa onda de poñer mulleres ao frente? Por que se recurre á "cremalleira" para alternar homes e mulleres á marxe do respaldo asembleario?

-É o resultado dun traballo en equipo. Nós celebramos primarias e eu presenteime candidata, ao igual que Javier Pérez Troncoso. Saíu o meu nome para encabezar a lista, pero Avante! non se basa en personalismos, senón nunha labor colectiva e nun programa con retos e propostas para solucionalos en favor da cidadanía de Cangas. Respecto á "cremalleira", pensamos que hai que romper o teito de cristal en favor da muller, tamén na política, e hai un compromiso claro de Avante! coa igualdade.

-Din vostedes que as súas seçnsacións na campaña electoral son máis optimistas ca os sondeos. Confían no sorpasso a ACE e BNG?

-Francamente, si. Nos encontros que mantemos nas parroquias e cos diferentes sectores estamos atopando moitísima aceptación. O noso programa non é un simple decálogo, senón un amplo documento moi propositivo e con retos moi concretos para o Concello de Cangas. Creo que o mellor programa de todas as forzas políticas é o de Avante! Sen dúbida.

-Ou sexa, que xa se ve como alcaldesa...

-Si, claro, véxome como alcaldesa. Tras catro anos de traballo diario no Concello teño máis coñecementos para afrontalo.

-Con pactos.

-Estamos abertos ao diálogo con todas as forzas, pero Avante! quere gañar esta Alcaldía e gobernar Cangas nos próximos anos. Calquera pacto de goberno ten que ser público, dialogado e consensuado con formacións de esquerda e cos programas diante.

-Como valora o papel de Xosé Manuel Pazos na Alcaldía?

-É un traballo mellorable. Falta planificación e organización para non resolver de forma improvisada. Por exemplo, a veciñanza ten dereito a coñecer o cronograma de obras a executar nos vindeiros meses para non atoparse coa sorpresa dun día para outro. Tamén falta máis diálogo e consenso, que son fundamentais nun goberno de coalición.

-Donde se focalizaron esas fisuras internas?

-A xestión económica das Festas do Cristo foi un dos cabalos de batalla no grupo e houbo certas tensións, ao igual que os problemas por falta de persoal no Concello. De feito, moito do meu traballo é administrativo, cando a labor dun concelleiro é a xestión política.

-E o traballo da oposición?

-Non me parece que fixera un gran papel máis alá das intervencións nos plenos. Moi lineal...

-...Quéixanse da falta de transparencia, de que non son respetados, cando vostedes precisamente avogan polo contrario. Nese aspecto, non cre que vostedes deberían facer autocrítica?

-Pois si, fago autocrítica.Repito que é necesario traballar con máis previsión e anticipación, que non se lle pode dar a documentación o día anterior ao pleno, que hai que ser respectuosos. O diálogo e o consenso, desterrar o insulto, son a nosa dinámica de traballo. Debemos deixar as rencillas de atrás e gobernar de maneira máis colaborativa e para eso a oposición ten que estar máis formada e informada.

-O sondeo para FARO apunta que vostede é a candidata á Alcaldía de Cangas máis valorada.

-Os datos están ahí, pero eu defendo o traballo conxunto, non poñemos o centro de atención no candidato, como fan outras forzas. Non teño a traxectoria política de Pazos ou Sotelo, pero si un programa de goberno moi serio e traballado para toda a cidadanía.

-O código ético e o regulamento de Avante! sinalan a obriga de non permanecer más de oito anos en cargos públicos, e vostede xa leva a metade. Se sae elixida, deixará o Concello dentro de catro anos?

-Haberá que agardar resultados e ver o traballo a desenvolver. Para nós é unha prioridade cumprir o código ético e darlle paso a outras persoas moi válidas que veñan detrás. Oito anos son suficientes e non se pode vivir da política toda unha vida, como fan algúns.

-O poder corrompe?

-[Reflexiona en silenzo antes de responder] Creo que a nivel municipal, non. Hai maneiras de corromper máis alá da económica, pero creo que non. En todo caso, hai que limitar o tempo de permanencia na política, deixar paso.

-O turismo é colonialismo?

-Claro que non. É unha fonte de promoción e ingresos moi grande para Cangas, pero temos que cambiar o modelo turístico de sol, praia e nevera e apostar pola paisaxe, a natureza e a cultura, alongar as estancias, desestacionalizar e atraer turismo de calidade.

-Se gobernan, consultarán ao pobo sobre os festivos locais?

-Os festivos son só unha anécdota. Imos pular por unha plataforma de participación veciñal para facer preguntas á veciñanza sobre asuntos de interese xeral, como pode ser a construción do centro de saúde de O Hío-Aldán. As consultas populares non son un invento noso e xa se fan, por exemplo, en Madrid.

Compartir el artículo

stats