De cando en vez, temos noticias de naturais de Cangas que procuraron, e aínda procuran hoxe, o éxito en paraxes lonxanas da súa terra natal. Mais estes feitos migratorios, coidamos que cobran tamén certo interese, se son xentes que por idénticas razóns se estableceron aquí e dun xeito ou doutro contribuiron ao desenvolvemento da nosa vila. A recuperación destes personaxes para a memoria actual desde o fondo dos tempos, non ten maior intención que a do coñecemento histórico e a curiosidade intelectual, coidando que a do recoñecemento público xa lle correspondería a instancias superiores e a expertos. Ás figuras coñecidas como o pintor Ángel Botello ou a mestra e escritora Sarah Lorenzana, ás de empresarios e incluso de varios alcaldes foráneos, vimos sumar hoxe a saga dos Arnaud (apelido de orixe francés) que paseniñamente fomos reconstruíndo para recoñecemento daqueles que contribuiron a levar o nome de Cangas polo mundo adiante.

Nos primeiros días de outubro de 1916 preséntase en Cangas Mr. Leopoldo Arnaud quen, despois de darse a coñecer na Casa do Concello, é deseguida agasallado polo alcalde, señor Cabanelas, non só pola sua condición de secretario da Cámara de Comercio de Nova York, senón tamén por ser nativo da vila. Este mister Arnaud, nacera en Cangas en 1859 e era fillo de Mª Concepción Gómez e do facultativo Leonardo Arnaud, que chegara a Cangas no ano 1845 para ocupar a praza de médico municipal. Un irmán deste, dedicado aos negocios financieiros, cuxo nome aparece recollido como César Arnad (sic) Gómez, sería alcalde de Cangas en dúas ocasións e casaría con Dolores Pastoriza, señora do pazo de Vista Alegre de Aldán e fundadora da Casa dos Pobres de Cangas.

Estes non terían descendencia pero Leonardo, o que era médico municipal, tería unha filla chamada Leonarda, residente e casada en Cangas co notario Manuel Martínez e máis un fillo, chamado Leopoldo que é o noso personaxe en cuestión. Xa que logo, como fillo daquel médico da beneficencia local e nacido en Cangas, Leopoldo Arnaud achegaríase á sua vila natal naquel 1916 con motivo de vir a Galicia comisionado pola Cámara de Comercio de Nova York coa misión de fomentar as "viaxes rápidas" cos Estados Unidos. Estas viaxes referíanse ao establecemento dunha liña marítima directa Vigo-Nova York apoiada polo organismo comercial americano a proposta de empresarios do transporte marítimo de ambas cidades que xa iniciaran os trámites un ano antes. Hai que apuntar que nestas datas, estaba a desenvolverse en Europa a Primeira Grande Guerra na que aínda non interviña a potencia americana, nin tampouco España, país que debido á perda das colonias ultramarinas e á Guerra de Marrocos, se atopaba nun estado de depauperación total, optando pola neutralidade.

O Arnaud científico

Moito antes desta visita a Cangas, Leopoldo Arnaud, que era doutor en Ciencias Naturais, fora reclamado en 1884 polo goberno da Arxentina, presidido polo xeneral Julio A. Roca para encabezar unha exploración científico-militar do territorio do Gran Chaco na provincia de Salta. A expedición, baixo os auspicios do ministro Victorica, duraría 17 meses e se ben se plantexou como de carácter científico, tamén tiña como obxectivo a localización dos pozos de petróleo reseñados por informacións e datos procedentes dos primeiros tempos da colonización española da Arxentina.

Estes pozos cobrarían recente actualidade pois foron explotados a partir do primeiro terzo do século XX pola compañía arxentina YPF que máis recentemente se aliaría con Repsol, rematando esta entente co conflito expropiatorio que todos coñecemos.

Durante a expedición, Arnaud recollería numerosos datos sobre xeoloxía, fauna e flora do Gran Chaco, localizando novos depósitos de petróleo en Las Lomitas, perto de Tartagal. En 1889, Arnaud asiste á Exposición Universal de París como delegado científico do goberno arxentino, presentando o seu estudo sobre a riqueza destes xacementos de petróleo. Ao tempo, tamén dá a coñecer o seu libro "Del Timbó al Tartagal: Impresiones de un viaje a través de Gran Chaco" que, publicado en Bos Aires, recolle este periplo científico. Os ecos do seu periplo e do seu libro mesmo chegarían a Galicia, adicándolle unha revista pontevedresa, dirixida por Labarta Pose, a sua portada.

En 1893 é de novo comisionado para representar a Arxentina na Exposición Mundial Colombina de Chicago [ esta Exposición de Chicago pasaría á historia por ser escenario (un hotel) dos douscentos crimes do asasino en serie H.H. Holmes, protagonista da novela de Eric Larson "The Devil in the White City" que Leonardo Di Caprio quixo levar ao cine]. Semella que nesta data fixo algo máis que impartir charlas científicas pois en 1894 casaría en Nova York con Miss Fortunée Zacharie, que debía proceder dunha familia relevante nesta cidade pois o enlace mereceu unha especial atención do xornal The New York Times tal como reproducimos. Despois desta visita a Cangas, perdemos a pista de Leopoldo Arnaud e só sabemos que falecería en Nova York no ano 1931.

Os fillos de Leopoldo Arnaud

Froito deste matrimonio foron os dous fillos chamados Leonardo e Leopoldo e que como ben se pode deducir, levaban non só o nome do avó médico e do pai, senón que ademais para deixar clara a sua ascendencia, adoptarían como segundo apelido o de Gómez aínda que isto non é habitual nos USA. Mentres Leonardo Arnaud (Lenny) exerceu de profesor de español na universidade de Dakota do Sur, Leopoldo alcanzaría grande notoriedade após unha brillante e longa carreira na que destacou como arquitecto, profesor e conferenciante. Tamén exerceu de decano da Facultade de Arquitectura da Universidade de Columbia, de Nova York onde impartía Historia da Arquitectura e foi fundador e director da Escola de Pintura e Escultura e da Escola de Arte Dramático da mesma universidade.

Asemade, posuía o título de Arquitecto pola Universidade de París, sendo presidente de diversos organismos como o Comité de Educación do capítulo de Nova York do Instituto Americano de Arquitectos; do Comité Panamericano do Instituto de Arquitectos e da Asociación para o Ensino da Arte nos Colexios Secundarios. Tamén foi vicepresidente da Asociación de Arquitectos Franceses nos EE.UU e como profesor visitante da Fundación Carnegie, de Nova York, pasou unha etapa na que dictou conferencias no Colexio Libre de Estudios Superiores de Bos Aires, pronunciando outras moitas ao longo do territorio dos USA. O 14 de decembro de 1944 foi nomeado Académico Correspondente en Estados Unidos e nomeado director da Casa Universitaria italiana. En 1945, Arnaud, en colaboración con Robert H. Podzemny e Joseph Kalenda, deseñaría os planos para a reconstrución da cidade checoslovaca de Lidice. Foi, asemade, agregado cultural nas embaixadas estadounidenses de Río de Janeiro (onde tén unha rúa co seu nome) e Madrid, impartindo conferencias e participando en actos por toda España. Como obra de referencia figuran os dous volumes do tratado "Art in Education: La función y la forma en los edificios del siglo XX."

Leopoldo Arnaud morrería o 12 de Marzo de 1984 en París aos 89 anos e da sua relevancia como personaxe dan fe os numerosos obituarios recollidos na prensa da época, incluída a española.

*Profesor e investigador