Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Santiago Barreiro, gran mestre da antiga escola de Quintela

O docente chegou a ingresar en 1969 na Orde de Alfonso X O Sabio a proposta da Comisión Provincial de Ensino

Caricatura de Santiago Barreiro, de 1966 e feita por Eiroa. // FDV

Para escribir sobre o ilustre mestre D. Santiago Barreiro Paradela, ao que coñecín durante a miña infancia, tiven que contar coa colaboración do fillo, que leva o seu nome; pois, debido a situación xeográfica da casa onde nacín e na que continúo residindo, non me correspondía ir ao grupo escolar de Quintela onde impartía clase. Santiago, comezou relatándome que o seu pai: "... foi o máis pequeno de doce irmáns, todos varóns. Os seus pais tiñan unha tenda de zapatos, naquela época moi prestixiosa, na Rúa do Vilar nº 5, en Santiago de Compostela. Graduouse con matrícula de honra na Escola de Maxisterio e logo de exercer nun centro sostido por emigrantes, en As Somozas, próximo a Ferrol, obtivo praza en Baiona e máis tarde en Cambados. Alí foi onde coñeceu á tamén mestra, Dolores Caamaño Bournacell, con quen casou. Ambos os dous conseguiron asemade a praza na Graduada de Quintela (Moaña) onde se lles concedeu unha vivenda anexa ás escolas e onde se criaron os seus dous fillos".

De seguido, sinala os problemas que lles ocasionou a toda a súa familia a guerra civil do 36 e a chegada do Movemento Nacional, cando foi sancionado con un curso sen emprego e soldo, vetado para ostentar cargos directivos e desterrado á Praza de graduación de Porriño.

Os cargos que se lle imputaron "... cualificados de graves, son pertencer a Izquierda Republicana e ter asistido cos seus estudantes a un funeral de carácter civil en 1935. Na súa defensa demostra que nunca pertenceu a ningunha agrupación política, facendo constar que en Moaña non había ningunha asociación deste tipo. Recoñece que si foi ao funeral da nai dos seus alumnos, os irmáns Antonio e José Giráldez Coloret, ignorando o seu carácter laico. O párroco da igrexa de San Martiño, Enrique Rubido, certifica 'que tuvo esa debilidad llevado por la costumbre de hacerlo cuando el fallecido tenía familiares en su escuela'".

Rematado o curso de castigo en Porriño, volveu á súa praza no grupo de Quintela, onde, como mestre era recoñecido:"...e admirado polos seus alumnos. Usaba métodos orixinais -naquela época- que facilitaban moito a comprensión dos temas. Era, ademais, un gran debuxante e utilizaba o taboleiro como ferramenta para explicar as leccións. Para entender, por exemplo a gramática, debuxaba un señor con bastón e chapeu, que nomeaba como Don Nombre e que tiña da man un neno que titulaba como Artículo. Detrás debuxaba unha señora oronda que denominaba Doña Verbo, sostendo en brazos un meniño chamado Adverbio e con outras figuras representaba a oración gramatical. Os seus alumnos din que nunca esqueceron esas ensinanzas. Imprimira unhas cartas cos problemas de aritmética e xeometría que entregaba aos alumnos, para practicar os exercicios".

Tamén salienta o seu fillo Santiago, que algúns alumnos aínda se lembran das instrucións recibidas en verso para recitar, de vez en cando. Especialmente da que se describe de seguido:"Duerma seis horas el joven y el anciano/ siete permítase el que es perezoso/ más no pretenda dormir más que ocho/ el que quiera tener cuerpo sano".

Dá conta logo da súa meticulosidade co equipamento da aula na que, aparte duns mapas magníficos, dispuña "...dun termómetro, unha lupa, un globo terráqueo, un compás, un microscopio e un pequeno telescopio que utilizaba (cun vidro afumado) para observar os eclipses de Sol. Dispuña tamén dunha boa biblioteca".

Era un home avanzado para a época que lle tocou vivir; pois, ademais de preocuparse de formar intelectualmente aos alumnos, tamén o facía, desta maneira, da súa hixiene persoal: "Antes de entrar na aula facía unha inspección meticulosa para comprobar se os seus alumnos lavaran ben a cara e as mans, en caso contrario enviábaos a unha fonte próxima ao Grupo Escolar. Unha vez satisfeito coa hixiene do alumnado, a continuación dirixía unha táboa de ximnasia sueca en fronte do centro".

Destaca de seguido, Santiago, as características físicas do finado pai, recalcando que se trataba dun home "... moi corpulento, nomeadamente para aqueles tempos, medía 1,85 metros e pesaba arredor de 120 quilos. En Moaña era coñecido como 'O Galeón' e en Cangas -onde exerceu os últimos anos da súa vida- chamárono 'Paparapaces'. Tiña unha voz grave e forte e os seus alumnos contaron un episodio que os marcou cando explicaba o descubrimento de América. Narrando as dificultades das carabelas na travesía do Atlántico, puxo a énfase no momento de enxergar á costa tras unha espera angustiosa: unha mañá Rodrigo de Triana, no medio da calma sen esperanza da tripulación, de súpeto, berrou, un alarido que tronzaba aquel silencio espeso: TERRA!, Un alarido que o mestre intensificou coa súa potente voz. Os alumnos deron un chimpo nos asentos co susto, pero nunca, nunca -tal como contan- esqueceron este momento histórico".

Con respecto ao seu carácter, describe que tiña "... un carácter extravertido, bromista e moi sociable. Era moi bo comedor, mais gustáballe particularmente o queixo de tetilla e algúns en Moaña sostiveron que era capaz de tomar unha peza enteira. Non é de estrañar que moita xente dixera: "A que lle saberá o queixo a D. Santiago?!".

Complementando a súa labor pedagóxica, durante dezaoito anos foi correspondente en Moaña do xornal vigués, "Faro de Vigo" e, no 1943, escribiu unha Guía informativa sobre Moaña, na que destacan os 68 barcos pesqueiros cos seus armadores e matrículas, as feiras de Abelendo cada 3 e 19 de todos os meses; as festas na honra a San Vicente, San Brais, San Xosé, Nosa Sra, San Roque, San Martiño e Virxe do Carme en Moaña; a Virxe dos Remedios en Tirán; San Bartolomeu en Meira e San Bieito en Domaio.

Subliña tamén que, seu pai "foi o único mestre dos que exerceron en Moaña ao que lle foi concedido o ingreso na orde de Alfonso X o Sabio, a proposta da Comisión Provincial de Ensino do 8 de novembro de 1969".

A súa morte produciuse en Cangas do Morrazo no ano 1982, despois de deixar entre os seus alumnos do grupo escolar de Quintela e resto dos moañeses a lembranza dun excelente mestre e un home bo e xeneroso.

[Manuel Uxío García Barreiro, coa esencial colaboración de Santiago Barreiro Caamaño]

*Investigador de Moaña

Compartir el artículo

stats