Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Adrián Ferrer Reboiras: "O BNG ten ideas e un proxecto definido para Bueu, outros chegan a última hora e improvisando"

Adrián Ferrer tomará posesión no pleno do luns da súa acta de concelleiro en sustitución de Carlos Eirea

Adrián Ferrer Reboiras tomará posesión no pleno do luns. // G.Núñez

A corporación de Bueu terá a partir do luns un novo integrante. Trátase de Adrián Ferrer Reboiras, unha das caras novas dentro da lista electoral do BNG e que se incorpora á institución municipal despois da renuncia presentada a comezos do verán por Carlos Eirea, ata aquel intre voceiro do grupo municipal do BNG e concelleiro de Cultura. Ferrer tomará posesión da súa acta no plenpo ordinario do luns e ao longo da vindeira semana perfilarase cales serán as súas responsabilidades dentro do grupo do goberno. Unha das que parece segura é a de Medio Ambiente, moi relacionada coa súa formación (estudou un ciclo de Forestais e na actualidade cursa a carreira de Enxeñería Forestal no campus de Pontevedra da Universidade de Vigo).

-Na lista electoral do BNG coa que concurriu ás pasadas eleccións locais ía no número 14. Pensou nalgún momento que lle tocaría a responsabilidade de ter que entrar na corporación?

-É certo que é un posto moi alto, pero sempre está esa dúbida. Desde o momento que sacamos doce concelleiros sabes que poden chamarte porque é moi raro que ao longo de catro anos non exista ningunha renuncia.

-Como afronta o reto de formar parte da corporación e do goberno local? Supoño que haberá ilusión, responsabilidade, nervios...

-Sobre todo teño moito ánimo. Sempre hai que ter ilusión e iniciativas. A sorte é que chego a un grupo grande, moi dinámico e cun alcalde como Félix Juncal que ten moita experiencia. Tamén hai nervios, pero tranquilízame moito saber os compañeiros que teño e que Félix é o alcalde.

-Cando Félix Juncal se dirixiu a vostede para propoñerlle formar parte da súa candidatura en 2015, cales foron as razóns polas que aceptou a invitación?

-Eu xa apoiara con anterioridade ao BNG e a Félix. Gústame o proxecto, as ideas e a ilusión por facer as cousas que teñen este alcalde e o grupo do BNG. Ves que hai un proxecto e ideas moi claras do que se quere facer. Hai outras opcións políticas nas que se ve que se fai a última hora e con improvisación. Aquí non é o caso: as cousas poderán facerse antes ou tardar un pouco porque o Concello non ten unha máquina para facer cartos e hai que priorizar, pero existe un proxecto e unhas liñas a seguir.

-Como valora a xestión realizada estes anos por parte do goberno do que vai pasar a formar parte?

-Nos últimos anos fixeronse cousas que antes parecían imposibles en Bueu. Un par de exemplos son o campo de fútbol da Graña ou o tanatorio. Pero non só é falar de grandes actuacións como esas, senón tamén doutras máis pequenas pero tamén moi importantes, como o caso da recente obra na aldea de Ermelo.

-O alcalde xa lle transmitiu que áreas vai levar e que espera de vostede?

-Aínda non está claro de todo. Sei que vou levar Medio Ambiente, que ata agora era un departamento que levaban entre Manolo Otero e Fidel Castro. É un área coa que teño relación debido a miña formación e na que podo aportar iniciativas. Probablemente leve algún outro departamento máis pequeno, pero aínda está por ver.

-Ten xa en mente algunha iniciativa para estes vindeiros meses?

-Aínda é un pouco cedo. O principal agora é non estropear o traballo que xa está ben feito [risos]. Hai que continuar co que se viña facendo e de cara o vindeiro ano, cun novo curso político, poñer en marcha outras iniciativas.

-Vostede, xunto a Silvia Carballo ou Xosé Leal, pódense considerar como integrantes dunha savia nova no BNG e no mundo da política local. Como valora esa aposta pola xuventude dentro da súa formación?

-E que tes que ir renovando e dando entrada a xente nova porque senón o proxecto vólvese máis débil. Silvia está facendo un gran traballo, que creo que está sorprendendo a moita xente. O mesmo se pode dicir de Leal na Deputación. Había moita xente que non cría que un goberno de coalición entre dúas forzas na Deputación puidese funcionar e está sendo moi estable. Ten que haber renovación: os novos queren entrar para aportar iniciativas e os que xa levan tempo tamén queren ir deixandono.

-A súa chegada á corporación prodúcese quizais nun momento decisivo, cando quedan xa menos de dous anos para as vindeiras eleccións locais.

-Diría que estamos no epicentro do actual mandato municipal, no que van a empezar a verse cousas nas que se leva moito tempo traballando e que pode ser un momento clave para o 2019. Por exemplo, a obra de rehabilitación do astaleiro da Banda do Río, que vai ser moi importante. Tamén actuacións do Plan Concellos, como a renovación dos parques infantís. E se finalmente chega a subvención da Deputación para a piscina vai ser un auténtico puntazo. A construcción da piscina é unha promesa e un compromiso dende hai moito tempo.

-Mírase de novo na candidatura do BNG en 2019 se esta experiencia resulta positiva?

-É moi cedo para falar diso. Vai depender de moitas cousas, como a vida persoal e os estudos. Cando Félix me propuxo ir nas últimas listas non dubidei e tiña claro que se me tocaba entrar o faría, salvo que houbese problemas familiares ou persoais graves. Unha vez que entras tes que dar o paso e axudar a xente que coñeces. Pero para o 2019 aínda queda moito tempo.

Compartir el artículo

stats