Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Personaxes de Cangas · Arquivo de A Cepa

A presenza de fotógrafos cataláns en Cangas

Frances Parés, Lluis María Vidal e Óscar Torras fotografiaron a comarca nos principios do século XX

Francesc Xavier Parés, Lluis Mariá Vidal e Òscar Torras eran membros do Centro Excursionista de Catalunya (CEC), entidade fundada no ano 1876, que organizaba actividades culturais e deportivas coa montaña como protagonista. Ao tempo, impartían cursos regulares de historia e de literatura catalá, de xeoloxía, xeografía, botánica, folclore e arqueoloxía.

Nos seus locais e baixo o seu patrocinio fundouse o Instituto de Estudos Cataláns e celebrouse o Primeiro Congreso Internacional da Lingua Catalá. Durante a posguerra, e co pretexto de coñecer a toponimia dos lugares xeográficos que visitaban, foron os primeiros en impartir clases de catalán. No fondo documental do CEC hai 750.000 fotografías e na altura do ano 2002 tiña 5.500 asociados.

Consérvanse moitas series de fotografías tomadas nas excursións. A maioría en formato estereoscópico. Obtiñan as imaxes cunha máquina de dobre obxectivo que impresionaba ao mesmo tempo dúas imaxes na placa cunha pequena separación de 65 mm. aproximadamente. Con este sinxelo aparato (Visor Estéreo) observamos cada imaxe por separado e o cerebro intenta unilas xerando un efecto de tres dimensións).

*Francesc Xavier Parés i Bartra (Torelló, 1875 - Barcelona, 1955). Médico municipal de Barcelona. Foi un dos máis importantes fotógrafos cataláns de comezos do s. XX. Tamén foi membro do CEC. Cunha posición acomodada, viaxou por toda a Península e por outros lugares do mundo documentando moitas vilas (como Cangas). Ao morrer sen descendencia, a súa grande colección fotográfica quedou esparexida en coleccións privadas e públicas. Percorreu as terras galegas en dúas ocasións: 1915 e 1918.

*Lluís Marià Vidal i Carreras (Barcelona, 1842 - 1922). Enxeñeiro de minas, xeólogo, membro destacado e presidente do CEC e do Ateneo Barcelonés. Descubriu en Capmany, na comarca do Alt Empordá,un menhir que hoxe leva o seu nome. Fotografou a fachada do concello na Escola do Adro e unha panorámica de Cangas dende o vapor na viaxe a Vigo.

*Òscar Torras i Buxeda (Barcelona,1890 - 1975). Psiquiatra, nace no seo dunha familia moi interesada polas viaxes e o excursionismo (O seu pai foi moitos anos presidente do CEC) e del herdou o amor á montaña e ás excursións. Foi editor da revista Psiquiatría onde publicou moitos artigos e foi tamén un bo futbolista e xogador no Espanyol. Da súa autoría é unha fotografía dalgún lugar sen identificar da Ría de Pontevedra.

*Directivos de A Cepa

Compartir el artículo

stats