Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Lembrando aquel Bronlle

Un dos cofundadores da romaría lembra como naceu esta festa popular nos albores da Transición

Grandes nomes da música galega, como Fuxan os Ventos, pasaron pola carballeira de Meira. // J.S.

Verán de 1976. Principio da Transición, tempos de expectativas, de cambio, de reivindicación. Pasara pouco tempo da morte de Franco e abríase un tempo novo, con ansias por cambiar e deixar atrás corenta anos de dictadura. Eramos un grupo de mozos e mozas de Meira, de dezaoito a vintetantos anos, algúns xa pasaramos polo Ateneo de Moaña, tiñamos ganas de facer cousas, organizábamos charlas e recitais de música. Recordo que polas Letras Galegas se facía exposición e venda do libro galego á saída da misa dominical. Eramos un grupo que nos facíamos chamar asociación cultural Canle, que aínda que non se chegou a formalizar legalmente, si funcionou na práctica e foi xerme daqueles primeiros pasos na actividade cultural. O lugar de reunión era unha sala da casa rectoral que nos cedía o cura párroco naquel momento, Manuel Duarte, cura progresista que tivo unha importancia capital na vida social na parroquia naqueles anos e que favoreceu a iniciativa desta festa.

Neste contexto histórico, dese grupo xuvenil sae a proposta de facer unha festa na carballeira de Bronlle. Simplesmente se trataba dunha festa campestre con gaiteiros, danza e teatro. Pretendíase ensalzar a tradición lúdica e cultural das romarías galegas, disfrutar coa familia e amigos do xantar e das actividades programadas. Mais case sen nos dar conta estabamos a crear unha festa distinta ao que había naquela época e así o percibía o vecindario.

Unha romaría sen santa ou santo a quen lle render devoción nunha propiedade da Igrexa. Aquilo si que foi rompedor; para moita xente incluso desconcertante. Qué apuros cando chegabamos a unha casa a pedir e nos preguntaban para qué santo era. A xente maior non o entendía. Que non se fixera na honra dun santo non era impedimento para que se organizara misa campestre os primeiros anos da romería, e así foi ata que a Igrexa quixo. Tampouco había verbena, que era como adoitaban rematar as festas; mais tiñamos claro que en Bronlle debería prevalecer o aspecto cultural, e así se mantivo sempre.

Naquel verán do 76 facíase a primeira festa de Bronlle. Anunciábase con cartaces escritos con rotulador, enganchábase a corrente eléctrica na casa Rectoral, que tamén facía de vestuario para os do teatro; montábase unha cantina e veña música e diversión. As tres primeiras edicións foron así, con poucos medios económicos; pero xa en Bronlle se representara a obra "Os vellos non deben de namorarse" ou xa viramos tocar a Romaní, Seoane e outros que conformaban o Movemento Popular da Canción Galega. A acollida daqueles primeiros anos foi tal que xa non houbo volta atrás.

Desde o principio, e sobre todo naquel momento histórico de tanta axitación social, onde a política estaba presente en todo canto se movía, a festa viuse no medio de certa controversia. Houbo xente que co afán de desprestixiala tildabaa de festa política; eu creo que maioritariamente xente de corte reaccionario e incluso afíns ao anterior réxime. Non soportaban entrar en Bronlle e ver a bandeira galega ondear libre, as gaitas soando na carballeira nun aire no que respirábamos con orgullo a Galicia naqueles primeiros anos da transición. O que para moitos nos resultaba emocionante, para outros seica era política. Eles o perderon.

No cuarto ano, coas actuacións de Fuxan os Ventos e o cantautor portugués Fausto, a festa dá un salto cuantitativo e cualitativo que marcará o seu devir como un evento de renome e prestixio. Todos lembramos esa carballeira, ateigada de xente, convertida nun auditorio natural por onde pasaron grandes artistas e que nos fixeron pasar momentos inolvidabéis.

Bronlle foi unha festa verdadeiramente popular. Foi producto da ilusión e do traballo de xente nova, que preparaba o evento con tres ou catro meses de antelación; que era apoiada polos veciños que aportaban axuda económica e participaban na romería. E difícil atopar un evento cunha carga simbólica tan clara naquel momento que gozara do recoñecemento e apoio que tivo esta festa; e quizá ese fora o seu grande mérito. Foi un ciclo de 26 anos e aí debe quedar coas súas virtudes e o seus defectos, porque foi algo singular e irrepetibel.

Anúnciase para este 15 de agosto unha festa na carballeira. Seica se intenta recuperar dalgún xeito aquela romería. Non sei qué recorrido terá, mais temos que convir que as circunstancias son totalmente diferentes. Hoxe é a institución, o Concello, quen leva a iniciativa e pon os medios e parece que, entre outros colaboradores, está Cáritas. ¡¡Quen nolo ía decir; o que mudaron os tempos¡¡ Non cabe dúbida de que a carballeira sae gañando: a festa obriga a limpala e adecentala mínimamente; que boa falta lle fai. Disfruten pois da festa e entendan que a min, de momento, a nostalxia átame a aquel Bronlle.

*Cofundador da festa de Bronlle e organizador durante 25 anos

Compartir el artículo

stats