Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Crónicas do Teatro no Morrazo

O teatro en Cangas 1975-1985 (XV)

O segundo espectáculo de Teatro Estable foi "Paredes de Primeiro", dirixido por Mercedes Oliveira coa axuda de V. Marinelli

Escena de Momo. // Arquivo de Celso Parada

Semella que 367.156 pesetas foi unha cantidade considerable para un grupo de teatro escolar (Teatro Estable María Soliño) e certamente o é se a comparamos co que recibirían outros grupos de teatro escolar mais na miña opinión está plenamente xustificada por diferentes motivos. Por unha banda é unha resposta axeitada- desde o centro educativo e tamén desde o Concello- á entrega, ilusión e esforzo de dous profesores e dun grupo de alumn@s que cren no valor educativo da arte, neste caso do teatro. Ademais a calidade da montaxe e a súa distribución vai facer posible a adquisición de material ( mesa de luces, focos de diferentes voltaxes e características, lámpadas, estruturas metálicas, caixa de ferramentas, etc..) que engrosarán o inventario do instituto para traballos escénicos posteriores e finalmente - aínda que non fose dun xeito consciente- con esta positiva actitude fóronse creando as condicións para que nun futuro o Instituto de Cangas puidese integrar o teatro dentro da súa oferta educativa coma acontece na actualidade.

O Teatro Estable "María Soliño" de Cangas chegou a realizar 20 representacións de "Momo" en Cangas - no propio Instituto e no Cine Avenida- e noutros lugares- asociacións culturais e centros de ensino- da provincia de Pontevedra e de fóra. Entre estas actuacións compre salientar a participación na I Mostra de Teatro Infantil Galego "Xeración Nós" que organizaba a Mancomunidade dos Municipios da Ría de Ferrol.

Mais se estamos a falar dun grupo de teatro escolar interesa subliñar que valores educativos se puxeron en xogo- nesta etapa da mocidade- durante o proceso de montaxe de Momo. O esforzo e a auto disciplina, libremente aceptada, foi algo que os propios alumnos manifestaron en declaracións á prensa co motivo da estrea. Recollemos ademais algunha das respostas que deron Ana García ( Momo) Elena Villar ( Casiopea, Boneca) e Manuel Augusto Magariños (Gigi) nunha entrevista publicada no número 3 (Xuño- Xullo- Agosto 1984) do Boletín de Información Teatral da Escola Dramática Galega.

Pregunta: Que supuxo para vós estar no grupo de teatro do Instituto:

Ana: Nun primeiro momento metinme a ver que pasaba e logo a cousa foi indo adiante e cheguei a identificarme con todo o mundo do teatro, cos meus compañeiros, con Momo incluso.Foi unha experiencia evolutiva de cara a compenetrarme máis cos meus compañeiros.

Manuel: Eu penso que o teatro, ademais de ser unha actividade creativa, como pode ser a pintura, a música?tamén é un xeito de entrar en contacto coa xente, cos compañeiros e tamén co público, unha forma de sentirse con todos, de facer sociedade. É, pois, unha boa forma de comunicación e integración.

Elena: Eu tamén penso que é importante o que se fixo este ano e que debe seguir?É unha forma de saír da rutina das clases, de estar aquí sen facer máis nada e ademais é moi instrutivo, aprende a facer soñar ao público. Tamén colles seguridade diante da xente cando estás en escena que é moi importante para facer algo despois.

Con Elena Villar tiven ocasión de conversar de novo hai uns días e pregunteille que recordos gardaba da experiencia despois de tantos anos, cando estudaba 2º de BUP de Ciencias. Lembrou: que era a primeira vez que facía teatro "en serio", diferente ao que fixera antes nas monxas? que aprendera a impostar a voz despois dun obradoiro impartido polo actor Rodrigo Roel? as viaxes no autobús con toda a "troupe" nas que coñeceu outras vilas e cidades de Galicia e o bo trato con que eran recibidos? a rapidez coa que tiña que cambiarse e maquillarse pois interpretaba varios papeis. Lembrou tamén a compenetración que houbera entre todo o grupo e que cando algúns foron estudar a Santiago mesmo comentaron de formar outro grupo de teatro aínda que a idea non foi para diante? E desde logo acorda que lle gustara moito a adaptación ao teatro de Momo e os valores que transmitía a obra.

Na montaxe de Momo houbo unha forte implicación de dous profesores: Sito como tradutor, director e mesmo actor e Carlos del Valle como adaptador do texto para teatro e deseñador da escenografía luz e son. Ámbolos dous integráronse de tal xeito que,como manifestaba un alumno do grupo de teatro, "funcionaban como unha equipa, non habendo xerarquizacións" aínda que Sito levase a dirección. A relación que se establece nestas circunstancias a expresa moi ben Carlos del Valle na citada entrevista: "Eu vexo dúas cousas neste tipo de traballo: a distinción profesor- alumno desaparece ou tende a desaparecer. Hai sinxelamente un grupo de xente apaixoada por unha cousa e pasando de todo. Un dos fallos que podería haber se o teatro entra como asignatura, institucionalizado, sería precisamente ese: un profesor que sabe moito e vai dicir moito e uns alumnos que non saben nada. E por outra banda os fallos nunha asignatura como a maioría das que se imparten aquí poden ser considerados un erro que pode ter unha penalización na puntuación avaliativa. Pola contra, nunha actividade creativa o fallo é intrínseco ao proceso; é necesario, ten que existir pois en caso contrario non habería creación. Grazas a que cometes fallo tras fallo estás facendo algo novo. Se fixeses o de sempre, o que xa está feito por outros, repetirás unha cousa moi fermosa, susceptible se ser puntuada cun dez, pero non crearías nada.

Polo tanto o que hai que esixir é un nivel de calidade ao que se chega non buscando fallos senón pedindo que ninguén se pare até conseguilo, perfeccionándose a partir da imperfección"

Durante o curso 1984-1985 por motivos de traslado de Carlos del Valle e Celso Parada a outros centros de ensino secundario, pasou a dirixir o grupo Teatro Estable, Mercedes Oliveira (Chis) profesora de Filosofía.

Algunhas alumnos e alumnos do instituto, xunto con outras xentes do teatro, asistiron ao curso que a compañía alemana Johannes Vardar Nómades do Teatro deu en Cangas na primavera de 1985. Un curso de intenso traballo físico no que se aprenderon acrobacias e rudimentos de danza Kathakali. Aprendizaxes que logo se integrarían no espectáculo itinerante ao aire libre que montou Teatro Estable co título de "Parecedes de Primeiro" concibido e dirixido por Mercedes Oliveira coa intensa colaboración de Carlos Vázquez Marinelli no adestramento físico. O título da obra non gardaba, coido eu, moita correspondencia coa temática do espectáculo. Era, quizais, a expresión un tanto irónica que se utilizaba cando alumnas e alumnos de 3º de BUP ou COU- que eran maiormente os integrantes do grupo- non se comportaban coma correspondía a súa idade.

Esta nova montaxe- na que participaron moitas rapazas e rapaces das que o cronista só puido rescatar os nomes de Carlos Amado, Ricardo Soage (Richi), Juan Salgueiro, Marisa Rúa e Monse Lago?- estaba estruturada por diferentes sketchs e comezaba cun pasa rúas no que había zancos e música: acordeón e diferentes instrumentos de percusión. Entre os sketchs había algún diálogo sen palabras de ton existencialista e absurdo e tamén monólogos baseados en textos da antipsiquiatría de David Cooper e Laing; acrobacias: torres humanas saltos mortais; coreografías con medusas de cores, diferentes improvisacións e algún número de maxia tan mal realizado que o personaxe que facía de mago chamábase "Merdín"?

Os ensaios realizábanse no ximnasio do Instituto sobre todo para o adestramento físico e ás veces, por problemas do transporte até o Monte Carrasco, na propia casa de Mercedes Oliveira. A elaboración da plástica e do vestiario foi do grupo aínda que nalgún caso houbo que botar man dunha modista.

O custo total da montaxe foi de 100.000 ptas. Chegaron a facerse 8 representacións no Concello de Cangas e noutros lugares como Sta. María de Oia entre os meses de Xuño e Outubro de 1985. Salientar tamén a participación na II Mostra de Teatro Infantil Galego "Xeración Nós" na que se fixeron tres pases-representacións en Narón, Fene e Valdoviño.

Ademais da montaxe de "Parecedes de Primeiro" e a asistencia ao curso de Johannnes Vardar, a procura de motivacións para interesar ao alumnado polo teatro concretouse nas xestións realizadas desde a dirección do Instituto María Soliño co Centro Dramático Galego para que puidese participar alumnado do grupo de teatro no curso sobre Dramaturxia que impartía en Santiago, José Sanchis Sinisterra.

Carlos Amado- con quen me entrevistei para recoller datos sobre a actividade do Grupo de Teatro Estable durante este período- lembraba as explicacións de Sanchis sobre a dramaturxia de "La Noche de Molly Bloom" realizada a partir do último capítulo do Ulises de Joyce.

E asemade quedou gravado na súa memoria o espectáculo de La Fura dels Baus que, animados por Chis Oliveira, viron en Vigo ou a viaxe de fin de curso organizada a Barcelona pola mesma profesora onde estaba programada a asistencia as representacións de "Exit" da Compañía "Tricicle" e "Cyrano de Bergerac" de Edmond Rostand na versión catalá interpretada por Josep Maria Flotats no Teatre Poliorama.

Compartir el artículo

stats