Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Personaxes de Cangas · Arquivo de A Cepa

Bermúdez, un cangués na portería do Celta

Foi titular cando o clube, onde xogou hasta 1944, gañou o primeiro derbi en Primeira División fronte o Deportivo

Con Sito e Pepín Macillos. 1969.

Naqueles primeiros anos do século XX os mozos que empezan a practicar o deporte do fútbol fundan o Cangas F.C. e xogan os partidos en Liméns ou nos areais de Rodeira. E, a partir de 1928 que se constitúe o Alondras, no campo do Tobal en San Roque. Os éxitos chéganlle axiña proclamándose campión, participando na promoción de ascenso á Serie A cun equipo composto por: Bermúdez, Ignacio, Mella, Petouto, Tucho, Mella, Pery, Minao, Lamas, Marcial, Cervera e Lao.

Cos éxitos deportivos os grandes clubes fíxanse nos xogadores destacados do Alondras e así, o Atlético de Madrid ficha a Pazó e a Montes e o Celta, na tempada 1933-34, lévase a Bermúdez para a súa portería. Ao ano seguinte vaise ao Valencia onde foi titular; pero aqueles seis goles que lle meteu o Levante, foi tal pallusca, que o levaron á suplencia nos partidos de Liga. Bermúdez xogou só cinco partidos oficiais e o final da Copa diante do Español onde foi substituído por lesión.

Lembrámonos das moitas anécdotas que contaba, das súas vivencias como futbolista e daqueles longos desprazamentos para xogar nas competicións europeas. Coa chegada da Guerra Civil todo quedou parado e o fútbol tamén. Daquela Bermúdez mercara o seu primeiro coche en Valencia, pero ao ter que volver à casa, o presidente do club tivo que comprarllo para incrementar os seus recursos económicos .

Regresou ao Real club Celta para xogar en Primeira División. Naquela tempada o club tiña ao porteiro Alberty como titular e xogou só catro partidos. Participou na copa sendo titular na pallona de 8-0 ao Deportivo da Coruña no ano 1941 na primeira eliminatoria. O equipo con Bermúdez na portería chegaría ata as semifinais, sendo eliminado xustamente polo Valencia.

Na tempada seguinte Bermúdez toma un maior protagonismo no disputando quince partidos de liga. O 19 de outubro de 1941 foi un día histórico para o deporte galego pois disputábase o primeiro derby Celta- Deportivo en Primeira División, en Balaídos (2-1), con Bermúdez como titular no Celta.

A súa tempada máis completa foi a seguinte na que xogaría 22 partidos. Foi anecdótico o partido fronte ao Atlético de Madrid, no que o Celta viuse obrigado a poñer a tres porteiros. Primeiro xogou Bermúdez que se lesionou unha man e abandonou o posto situándose como dianteiro porque daquela non había cambios. Púxose na portería Del Pino que foi expulsado e acabou Cons como terceiro porteiro no Metropolitano madrileño.

Na que foi a súa última tempada co Celta en Segunda, Bermúdez xogou só seis partidos. Un novo porteiro estaba conseguindo protagonismo: Hidalgo. No remate daquela tempada, o gardameta Bermúdez recibía a homenaxe de compañeiros, directiva e seareiros nun Balaídos abarrota Era o ano 1944, tiña 32 anos.

Manolo Bermúdez volveu para a terra onde nacera. Xunto coa súa muller Lolita, viviu no número 22 da rúa Alfredo Saralegui, onde se dedicaron á confección de xerseis de lá e outras prendas, nun pequeno taller de punto. Xunto ás súas tres empregadas atendían os pedidos que tiñan de Almacenes Triunfo ou de Bahamonde, entre outros clientes de Vigo e comarca.

A súa gran afección ao fútbol, motivou que o seu sobriño, Manuel Rodríguez Alfonso tamén chegara a ser unha estrela no Real Club Celta de Vigo na década dos 60-70. Manolo, o Gran Capitán como era popularmente coñecido, viviu unha tempada na casa familiar de Cangas.

Bermúdez nunca se esqueceu de facer deporte. Así o lembramos os que o coñecemos. Todos os días do ano pola mañá, aínda que chovese, ía a praia das Pontes, daba uns paseos e remataba dándose un chapuzón. Esta rutina diaria era sagrada para el, ao igual que os exercicios de respiración que facía na azotea da súa casa.

O fútbol en Cangas vai continuar a súa andaina da man do Alondras C.F., a partir de 1953 na de Massó e despois do 1971 no moderno campo Morrazo. O que fora o seu gran porteiro Manolo Bermúdez vai falecer o 17 de marzo de 1989 sendo soterrado no cemiterio de Cangas. Hoxe ocupa o mesmo nícharo coa súa muller Lolita, falecida en atropelo nun desafortunado accidente de coche.

Lolita, unha muller moi querida en Cangas, fora electa Miss Vigo nos seus tempos mozos. Coma mozos foran o seu home, o gran xogador Bermúdez (o Arroás de Cangas) ou Xosé Santos (Pepe Poeta) ou Eduardo Soliño (o gran Boni). Lendas vivas do fútbol en Cangas. En palabras do escritor Vázquez Pintor: tres alegres tigres da natación e do fútbol.

Bibliografía:

- Páxina web oficial do Alondras C.F.

- Para máis información visita esta páxina Web, Yo jugué en el Celta: http://www.yojugueenelcelta.com/2008/04/jos-manuel-bermudez.html)

(*) Directivo de A Cepa e veciño de Cangas

Compartir el artículo

stats