Julio Lois Meijomil, nativo de Agrosagro, parroquia de Carboentes (1911), recibe o primeiro ensino na escola da súa localidade e pasa a estudiar, anos máis tarde, ao Seminario Menor de Lugo, onde termina o ciclo de "Latín e Humanidades" dos estudios eclesiásticos (cinco cursos). Estudia Magisterio na Escola Normal de Pontevedra durante catro anos, seguindo o plan de estudios de 1914. En 1933, supera os cursiños selectivos de tres meses de duración para entrar de mestre no ensino público e realiza as prácticas en Viso, Redondela.

O primeiro destino como mestre obteno para San Xoán de Camba, na Escola da Casa-Fortaleza. O 18 de xullo de 1936, cando estaba inaugurando unha biblioteca en Camba, estala a Guerra Española e na súa condición de mestre republicano é vítima do conflicto, nunha época de gran incertidume na comarca. Durante uns trece meses estivo suspendido de emprego e soldo, pero, tanto pola necesidade de restablecer a normalidade contando coa colaboración de curas e mestres, como pola influencia da familia da súa muller, filla dun mestre de Rodeiro, é restablecido no corpo; anque non se libra de ser trasladado a Fozara (Ponteareas). A suspensión de Julio Lois como mestre represaliado non pasou desapercibida á prensa franquista da época, que recolle a noticia do seu cese a modo de exemplaridade.

Anos máis tarde trasládase a Sabadelle (1946-1950), Chantada, e desde alí instálase definitivamente en Latiza (Alceme), por concurso de traslados. Entre 1950-1969 exerce como mestre na escola de Latiza, xubilándose aos 58 anos de idade, evitando deste xeito ser concentrado na agrupación de Rodeiro. Aquí exerce a súa profesión dun xeito continuado durante 19 anos, sendo un mestre moi valorado entre o vecindario e coñecido en todo o concello de Rodeiro.

"Misión rescate"

Contra 1967 participa no programa "Misión Rescate" de Radio Nacional de España-TVE, e comeza a recoller diversos restos arqueolóxicos procedentes de castros, cistas e mámoas das diferentes parroquias rodeirenses. Inicialmente participan os alumnos da escola, pero pronto adquire dimensións municipais a búsqueda de restos de interese arqueolóxico, moi abundantes en Rodeiro.

Afeccionado á caza, pesca e "home de tabernas", ten numerosos contactos coas xentes de Rodeiro, controla un gran volume de información e accede facilmente, debido á consideración social que teñen daquela os mestres, a todo tipo de materiais de interese etnográfico, patrimonial e arqueolóxico. A difusión de descubrimentos e recollida de materialis a través da "Misión Rescate", incluso lle dan máis publicidade interna (municipal), pero tamén o proxectan cara ao exterior.

A escola de Latiza empeza a converterse nun auténtico almacén de pezas arqueolóxicas e o cabo de pouco tempo o número real de elementos catalogables superaba o centenar, sen ter de conta outro tipo de materiais tamén coleccionados (armas antigas, utensilios do fogar, ferramentas, libros vellos, etc). Nunca chegou a facerse un inventario posiblemente por varias razóns:

a) Julio non precisaba catalogar as pezas porque coñecía perfectamente a súa procedencia. Todas foran recollidas por él persoalmente.

b) Gran parte das pezas estaban prestadas ou cedidas temporalmente para o programa "Misión Rescate". Non procedía catalogalas porque non eran do promotor da iniciativa. O certo é que moitas destas pezas non voltaron ás mans dos seus propietarios nunca máis.

c) Un certo número de pezas chegaron á escola de Latiza procedentes de coleccións clandestinas. Cando se desfixo a Tulla de Riobó apareceron diferentes obxectos prehistóricos (muiños e outros) de orixe desconocida que J. Lois trouxo para a escola de Latiza.

d) J. Lois non quería que se coñecera a procedencia das pezas, procedentes de diferentes parroquias do concello de Rodeiro, porque temía que esa información podía utilizarse para que outras persoas efectuaran rebúsquedas que farían perigar tales reservas. Facilitar información precisa do seu descubrimento era dar pistas e autoprivarse da chegada de novos materiais.

Unha vez xubilado, continúa recollendo material arqueolóxico e incrementando o número de pezas que compoñían a súa singular colección. Ao final da súa vida, e a causa de problemas económicos indeterminados, estivo a punto de venderlla a uns coleccionistas de Valladolid que se presentaron como representantes dun museo daquela cidade. Posiblemente nesa ocasión foran vendidas algunhas das pezas máis valiosas; sen embargo a colección quedou, polo de pronto, salvada da codicia allea.

Fama e relacións

A fama de J. Lois sobrepasou os límites do Concello de Rodeiro, polo que mantivo relacións e colaborou con importantes personaxes da cultura galega. Algún dos máis importantes foron:

- Alfredo García Alén, investigador e secretario de Museo Provincial de Pontevedra. En 1972 dirixe as excavacións da vila romana a "Porta de Os Arcos" de Fafián. Durante o tempo da excavación, J. Lois realiza varias visitas ao xacemento.

- Isidro Millán, epigrafista e catedrático de grego nun instituto de Santiago.

- Luis Monteagudo, notable investidador da Prehistoria. En 1979 visita o museo de Latiza e investiga a machada de tope de dúas asas presumiblemente atopada en 1948 en Casardixo (O Salto).

- Filgueira Valverde, Antón Fraguas, Alonso del Real (catedrático de Prehistoria na Universidade de Santiago), Vázquez Varela (investigador e profesor de Prehistoria na Universidade de Santiago), Balil (catedrático e profesor de Arqueoloxía na Universidade de Santiago), Acuña, Castroviejo, Raquel Casal, González Reboredo e outros/as.

O mestre Lois non só destacou pola súa labor docente, e un gran interese polo coleccionismo, senón tamén polas súas andanzas en Rodeiro en busca de restos arqueolóxicos e localizando xacementos. Coñecía os sarcófagos antropoides de Muimenta, o campo de escorias de Ferreiroa, os restos da ferreiría de Barbeitos, as mámoas e o "altar do sol" de Alperiz, diversos petroglifos de Agolada, o monte de Pedroso, etc. Nunha ocasión chegou a herniarse transportando ao lombo pedras desde Negrelos.

Os coñecementos que tiña adquiridos en base a unha experiencia práctica servíronlle para escribir algunha que outra publicación, pero foron fundamentais para elaborar a carta arqueolóxica do concello e para completar a catalogación oficial realizada en 1986 polo arqueólogo Xulio Carballo e Penedo Romero.

Pouco antes da súa morte tentou participar, como demócrata, na vida política municipal encabezando a lista de UCD en 1979, pero foi víctima dunha intriga e desapareceu deste tramposo escenario. Un ano máis tarde, faleceu na súa casa de Latiza e os seus restos foron inhumados no cemiterio de Álceme.