O Entroido segue poñendo o seu toque de diversión e de maxia tras o Mércores de Cinza na comarca dezana con disfraces e distintas actividades. Foi o caso durante toda a tarde de onte na parroquia silledense de Laro e despois, a Asociación Cultural O Naranxo de Lalín sacou o seu Meco polas rúas no seu enterro da sardiña e a pesar das condicións meteorolóxicas adversas.

O centro social de Laro foi o escenario escollido para celebrar o seu Entroido particular, onde os máis pequenos da casa foron os grandes protagonistas. A animación correu a cargo de Eduvía e non faltou un desfile de máscaras. Aquí a imaxinación aparece en gran dose e entregáronse diplomas para o disfraz máis orixinal, para o máis ecolóxico e tamén para o máis divertido, porque a orixinalidade sempre ten premio. Tamén houbo tempo para unha merenda con chocolate e con doces do máis variados e aqueles que se puxeron mans á masa entraron nun sorteo dun tratamento de beleza.

Mentres, en Lalín ao longo do día mirouse ao ceo para ver se finalmente, o colectivo O Naranxo podía sacar en procesión ao Santo Torrisco e proceder á queima do Meco. No barrio da Cacharela había una valla en referencia a polémica de cerrar ou non as rúas de Lalín e sobre esta foron levando en procesión unha especie de caixa de defuntos. Xa na Praza da Igrexa había a maqueta do consistorio lalinense e entregaron morcegos con insignias dos catro grupos políticos da corporación municipal. Da caixa sacaron unha figura do alcalde, José Crespo. Tras cantar as coplas, colocaron ao mandatario enriba do consistorio saudando e os Cacharelos prendéronlle lume. Tampouco faltou a música e desta forma, representaron a volta de Crespo ao goberno local.