-O problema é que agora xa non hai volta atrás.

-Non. O problema é que fixeron isto sen unha exposición previa nin un concurso de arquitectura aberto ou con cinco ou seis arquitectos. Non houbo tempo de reflexión para pensar se se podía facer doutra maneira. Isto foi un encargo a unha empresa de Santiago que fixo o proxecto e se executou. Supoño que escolleron o cemento branco porque é barato e non ten mantemento complicado. A terra e a herba favorecen o confort. O cemento é un elemento incómodo a nivel urbanístico. Tampouco entendo aínda por que quitaron a pedra. É un elemento que aguanta moitos anos, que está adaptado ao noso clima e que non é unha moda. Foi ademais unha sangría de diñeiro. Creo que non sabían onde gastar tantos cartos. Non dan nin as contas. Deberon ser moi caras as instalacións. Ademais, desfacer o que había as veces costa máis que facer.

-Dicía vostede que o casco urbano da Estrada cambiou moito nestes anos pero, como ve o rural?

-O rural estradense está moi ben. Hai sitios onde está moito peor, especialmente onde hai presión urbanísticas, como nas Rías Baixas ou nas contornas das grandes cidades. O rural da Estrada está entre os mellores coidados de Galicia e ten moitas posibilidades. É un lugar rico en patrimonio. Temos cincuenta igrexas e cincuenta capelas e seguramente un gran número de cruceiros. A nivel galego creo que é un dos concellos menos eucaliptizados. Hai concellos na Mariña ou nas rías Baixas que están cheas de eucaliptos, e onde hai eucaliptos non hai vida.

-A situación no urbano é un pouco diferente.

-O problema é que moitas das casas tiráronse. Incluso se tirou a igrexa onde se casou Castelao. Non entendo porque se foron tirando edificios. Logo está o do mercado, que non ten nome o que fixeron. Desfíxose varias veces. A arquitectura clásica está moi estudada. Con poucos cartos podes adaptala. Agora mesmo estase construíndo a corto prazo. Os edificios novos son os primeiros que hai que restaurar.