Os estudantes de 2º A de Secundaria do IES Laxeiro viaxarán ao Aquapark de Cerceda, como premio polo seu accésit no apartado de acción creativa do concurso Clases sen fume, nunhacategoría que gañou o IES Melide. Pero ademais a súa profesora Guadalupe Díaz obtivo tamén nesta edición un premio á innovación educativa.

Coa axuda da orientadora, Ana Gulías, entre todos comenzaron a traballar xa antes de xaneiro nunha campaña publicitaria contra o tabaco e que destaca porque non se cingue ao centro.Gulías explica que o primeiro paso foi enviarlles cartas, pedindo a súa participación, "a persoas e entidades que poidesen axudar a fomentar hábitos de vida saudable". Así, sondearon a dentistas, veciños vinculados ao deporte, nutricionistas... Para todas as persoas e colectivos que respostaron a misiva amosando a súa disposición a colaborar, deseñouse un slogan personalizado para que posasen con el e cos alumnos do proxecto. "Por exemplo, Álex Ferradás, de Working Wheels, sae coa lenda Na vida desafíos vas atopar, que un non sexa deixar de fumar", explica a orientadora. Saen, tamén, dúas xogadoras do Coreti Lalín co lema "defende a saúde, faille unha placaxe ao tabaco", así como dous internos da residencia apra persoas maiores, o ex alcalde Rafael Cuíña ou a nutricionista Vanessa Taboada, amén de axentes da Garda Civil, un dos personaxes do entroido da Cacharela de Lalín, ou membros de Cruz Vermella, por citar algún dos participantes.

Con todas as fotos, o seguinte paso foi montar un vinilo de grandes dimensións que tén como fondo as fragas de Catasós (xa que falamos de pulmóns sans, estas fragas son un dos pulmóns verdes do concello lalinense)e sobre el, insertar as fotos con cadanseu lema. O vinilo pode verse estes días na entrada do instituto, pero tamén se dará a coñecer este traballo na revista do centro e noutros soportes informativos con que conta o instituto. Gulías, en nome tanto da súa compañeira docente como dos estudantes que participaron nesta iniciativa, quere agradecer a colaboración de todos os veciños, persoeiros e colectivos que botaron unha man.

Para esta edición, alumnos e profesoras levan traballando máis de cinco meses, sacrificando incluso o tempo libre dos recreos. Pero a cambio teñen, ademais dunha viaxe, unha concienciación maior sobre dos perigos do tabaco.