O galego correu hoxe polas rúas da Estrada. Alumnos dos colexios Cabada Vázquez, Manuel Villar Paramá, O Foxo, Figueiroa, Pérez Viondi e Oca así como os dos IES Número 1, Antón Losada Diéguez e Manuel García Barros da Estrada; o Chano Piñeiro de Forcarei e o Pintor Colmeiro de Silleda sumáronse a unha nova edición do Correlingua. Este ano foron os alumnos de Codeseda os que abriron a marcha polas principais rúas da Estrada. Despois de percorrer a vila amosando aos cidadáns que o galego é a fórmula e eles o elemento, os alumnos voltaron á Feira para comezala súa particular festa anual do idioma, que acostuma a facerse coincidir en datas coa conmemoración das Letras Galegas. O acto estivo presentado por Isabel Risco e, trala lectura do habitual manifesto, contou coa actuación de Paulinha. Minutos antes das 13.00 horas produciuse a tradicional solta de globos que pon o broche cada ano no ceo estradense ao Correlingua.

"Temos química coa nosa lingua" foi o título do manifesto gañador da presente edición do Correlingua. Neste 2019 os alumnos de cuarto da ESO do IES de Carral gañaron o concurso cun texto que integra os elementos da táboa periódica coas reivindicacións en favor do uso do idioma por todas as persoas e en tódolos contextos. O xurado escolleu como gañador este texto ao considerar que desenvolve tanto na forma como no contido a esencia do lema do Correlingua 2019 -O galego é a fórmula- referido á necesidade de que o galego teña presenza en todas as materias do ensino, tamén nas do ámbito científico. "O galego é a fórmula! A fórmula é o galego! Nós somos o elemento". Foi o berro unánime do Correlingua deste ano.