A existencia do Castro de Doade podería remontarse ata un momento entre finais do século V e mediados do IV a.C., período de onde datarían os primeiros niveis de ocupación e a primeira fortificación. Así o revelan os resultados das análises de datación por radiocarbono recibidas recentemente dos laboratorios de Miami (EE UU), coa finalidade de dotar de cronoloxía absoluta ás campañas dos anos 2017 e 2018.

Foron entregadas ao xerente da Casa do Patrón, Manuel Blanco Villar, por parte de los arqueólogos David Fernández Abella, xerente de Argos SAS SL, encargada das actuacións promovidas no xacemento pola asociación de amigos do citado museo nos últimos catro anos, e Fátima Sánchez Blanco, que tamén participou nos traballos. Puido tamén datarse a cronoloxía da construción dos dous fosos en rocha nai baleirados ata o momento, ambos prerromanos, procedentes de distintos momentos da vida do castro.

A Casa do Patrón confirma o inicio da campaña 2019 o vindeiro 13 de maio. Contará cunha equipa internacional integrada por arqueólogos e estudantes do Mestrado de Arqueoloxía e Ciencias da Antigüidade da Universidade de Santiago de Compostela (USC), que unha vez máis realizarán as prácticas finais do mesmo neste castro, e tamén estudantes estranxeiros, atraídos polo interese que suscita o xacemento dentro de comunidade científica.