Unha enquisa realizada polo Concello de Lalín entre os restaurantes participantes no Mes do Cocido destaca o elevado nivel de afluencia de comensais que houbo na campaña promocional que, como indica o lema da mesma: de San Amaro a San Valentín, Mes do Cocido en Lalín. Segundo este sondeo 20 dos 25 establecementos califica esta vixésimo primeira edición como "a mellor que se lembra".

"Estamos moi contentos de poder falar dun novo récord de rendemento cando pensabamos que edicións como a pasada eran practicamente imposibles de superar, mais o que nos din os hostaleiros é que o mellor Mes do Cocido da historia en canto a número de pratos servidos e a cantidade de comensais recibidos foi a presente e, todo isto, a pesar de que o día grande da feira coincide este ano posteriormente", destaca o concelleiro de Turismo, Francisco Vilariño, quen sinala que estes datos extráense das conclusións dos propios profesionais. Nas preguntas solicitouse unha valoración xeral do Mes do Cocido dando as posibilidades de indicar se foi malo, regular ou bo e, no caso de responder con esta última opción, preguntóuselles se o consideraron o mellor. Así, 22 dos 25 establecementos (88%) consideraron que foi un bo Mes do Cocido e, destes, 20 (80%) afirmaron que foi "o mellor que se lembra". Segundo explicaron os propietarios, os restaurantes estiveron a rebosar, principalmente durante as fins de semana e foron milleiros os comensais que degustaron o prato rei da gastronomía galega, Preguntados polas previsións para as vindeiras semanas, xa fóra do Mes do Cocido, afirmaron estar completos para o día grande da cita e que se seguirán enchendo mesas por moitos días, porque a maioría tamén asegura "ter encargas ata finais de marzo e incluso para abril e maio". En relación á época na que se empeza a servir o prato, a maioría de restaurantes din facelo con maior regularidade dende o mes de novembro, aínda que varios dos locais de referencia aseguraron comezar a ofrecer cocidos en gran cantidade xa "a partir das festas patronais de setembro", de modo que se comproba que este menú se consume de xeito abundante durante a maior parte do ano. Entre as informacións aportadas polos restauradores é significativo destacar que nalgúns casos se continúa a percibir un cambio de perfil no comensal do cocido e que máis aló dos grupos de adultos "que veñen todos os anos", agora están recibindo moitas "pandillas" de mozos. En relación á procedencia dos clientes, indícase que a maioría provén de Galicia, cunha distribución moi heteroxénea po todas as zonas da xeografía galega, pero tamén destaca o importante número de comensais chegados doutras zonas de España con especial incidencia dos que o fixeron dende Asturias e Madrid.

"Os datos son magníficos e un ano máis rompéronse barreiras e a inmensa maioría dos restaurantes afirmaron que foi o mellor Mes do Cocido en canto a número de clientes", di o concelleiro, quen engade que "o Cocido está nun estado de saúde inmellorable e que o seu crecemento parece non ter teito", e aproveitou para dar os parabéns aos restauradores.

Vilariño atribueu o éxito aos esforzos do goberno local por seguir impulsando esta festa como un dos principais reclamos do noso municipio para atraer visitantes e para xerar riqueza. "Dende o Concello destinamos cada ano ao Cocido unha gran cantidade de recursos, tanto humanos como económicos, para difundilo e promocionalo a través iniciativas, posto que somos plenamente conscientes do seu enorme potencial", sinala e conclúe manifestando que seguirase a traballar para que este evento acade aínda maiores cotas.