Hai tres anos, Toño González Abal e a súa muller, Lucía Ares Fondevila, pedíronlle permiso ao dono dun muro na rúa Progreso para colocar un mural co que embelecer este espazo. A zona estaba lista desde hai tempo, pero o mural, elaborado en PVC Forex (un plástico resistente ao exterior), comenzou a tomar forma nas pasadas Navidades. Onte quedou colocado na súa ubicación definitiva, fronte á Droguería Luisa, e a parella aclara que tomou a iniciativa como un par de veciños máis.

O texto tamén estaba decidido dende tempo atrás. "Estabamos de vacacións en Tarragona cando entramos nunha librería e vimos o poema Carta a un fillo. Tiñamos claro que queriamos plasmalo nun mural", explica Ares. Os versos aconsellan cómo manter o temple ante calquera circunstancia da vida, así como o cariño cara a un mesmo.

No mural, o poema está traducido ao galego e acompáñase da silueta dun home que camiña, coa súa filla da man, por un prado, tomados dunha fotografía dun sobriño de Lucía. Para que aguante o paso do tempo, Abal aplicou pinturas de alta calidade así como vernices que impiden que os raios ultravioleta do sol acaben danando a obra.

Con esta nova proposta decorativa, veciños e turistas teñen un motivo máis para permitirse un paseo a pé polas rúas de Silleda, e contemplar os murais que recrean os tres arcos do cine Victoria (derribado na década dos 90) ou a Magencio traballando na panadería da súa sogra, a creación en favor dos refuxiados na rúa María Colmeiro ou o penúltimo, dedicado á memoria de Toño Paz Catalino.

Pero non será o último mural, nin moito menos. En primavera, a parella quere convocar a todos os veciños para aportar ideas de cara á elaboración dun cartel con refráns en galego. Queren telo listo para o Día das Letras Galegas, o 17 de maio, e ademais da aportación de ditos populares, tamén será precisa unha aportación económica para poder darlle forma a unha obra que, á marxe do seu valor estético, terá un tremendo papel en canto á conservación do patrimonio inmaterial.