Hoxe martes presentouse o 4º Concurso Balbino de Relatos, que leva o nome do protagonista da obra máis internacional da literatura galega Memorias dun neno labrego, do célebre escritor Xosé Neira Vilas. Este Concurso de Relatos pretende ser un estímulo para todas aquelas persoas que queiran participar na promoción e difusión de Galicia e da nosa cultura.

A presentación deste certame tivo lugar nas instalacións da Fundación Xosé Neira Vilas, en Gres (Vila de Cruces). No acto estiveron presentes os representantes das entidades colaboradoras; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; os alcaldes de Boqueixón e Vila de Cruces, Manuel Fernández e Jesús Otero; a representante e membro da Fundación Xosé Neira Vilas, María Beatriz Iglesias Sánchez; e o responsable de Edicións Fervenza, Manuel Núñez. Ademais dos mencionados, neste proxecto tamén colabora a Consellería de Cultura e Turismo e a Deputación de Pontevedra.

O Concurso Balbino de Relatos, de periodicidade anual, está aberto á participación de escritores e amantes da escritura, de calquera idade ou nacionalidade, co único requisito de que o idioma no que estea escrito o orixinal deberá ser en lingua galega e que terán como motivación temática o rural, o mar e a emigración. O prazo estipulado para remitir os escritos finaliza o sábado 29 de xuño de 2019 e, ditos relatos deberán cumprir unha serie de requisitos formais, marcando unha extensión de entre 100.000 e 180.000 caracteres. As bases estarán dispoñibles para a súa consulta na páxina web concursobalbino.com.

A obra gañadora será elixida por un xurado profesional de recoñecido prestixio que darán o fallo no mes de setembro. O autor do relato premiado recibirá un premio dobre, un cheque por valor de 1.500 euros e a publicación da obra por Edicións Fervenza.

Edicións anteriores

Na anterior edición do Concurso Balbino de Relatos, en 2018, resultou gañadora a obra Máis alá do río do esquecemento, de Ricardo Ferreiro Almeda. En 2017, a gañadora foi De que falarán as árbores, de Ricardo Cid Paz; mentres que na primeira edición, en 2016, o premio recaeu en Camiños na sombra, de Xián Lois Alcayde Dans.