Está feita en madeira e cantos rodados, mide 1,30 metros e tén a particularidade de levar uns eixos que permiten mover cada peza de madeira, de xeito que non só a luz ou a perspectiva do espectador inflúe no conxunto. Realidade mutante é a primeira escultura que o creador silledense José Antonio Fondevila cede a un espazo público. Desde hai semanas, pode contemplarse no primera planta do Parlamento de Galicia, na rúa do Hórreo, en Santiago.

Quen escribe estas liñas identifica esta escultura cunha creación pictórica de Vladimir Kush (unha parella bailando e ó mesmo tempo servindo de peche dunha carteira de man de muller). Pero "tamén pode lembrar a un par de bailarinas, ou a unha parella. Cada un tén unha explicación diferente", relata o creador trasdezao. Apunta que o feito de usar elementos móbiles permítelle a esta escultura conseguir "unha infinidade de opcións estéticas", non só variando os movementos de cada elementos, senón tamén resaltando os contrastes grazas ás luces e ás sombras. "É unha obra na que a creatividade non remata na súa creación", engade Fondevila.

No fondo, esta escultura é unha metáfora da realidade mesma, e das múltiples lecturas ou perspectivas que poden ter diferentes persoas sobre un mesmo feito. "A realidade que percibimos pode ser tan relativa como a verdade que defendemos", aclara o seu afamado autor.