Lalín levou onte a 51ª Feira do Cocido á Praza de Abastos do Calvario, en Vigo. Nesta ocasión acudiron o tenente de alcalde, Nicolás González Casares, e os concelleiros Lara Rodríguez Peña, Miguel Medela e José Manuel Fernández, que estiveron acompañados polo encargado da Zona Franca e tenente de alcalde da Cidade Olívica, David Regades, e pola edil de Festas e Turismo, Laura Iglesias González.

Como sucedeu nos dous primeiros actos promocionais, a iniciativa tivo unha magnífica acollida e foron moitos os vigueses e os turistas que se achegaron polo posto culinario a degustar as tapas realizadas desta volta polos cociñeiros dos restaurantes lalinenses Casa Sanmartín e Onde Antonio, así como a solicitar información sobre a feira, que celebra o seu día grande o domingo 24 de febreiro. Casares convidou a todos os vigueses a acudir. Dende o Concello de Vigo agradeceron a invitación de Lalín e a escolla desta cidade entre as cinco nas que se realizará a promoción da Feira do Cocido e aproveitaron tamén para convidar a todos os cidadáns a visitar Lalín e a gozar dun gran prato e dunha festa gastronómica inigualable.

Hoxe, ás 11:30, terá lugar un acto na Coruña, no mercado San Agustín, mentres que o día 9 será en Lugo e o 16 en Santiago.