O Concello de Lalín convoca a distinción Aldea Singular 2019. Esta iniciativa chega á súa cuarta edición co obxectivo de continuar dando recoñecemento a aquela aldea ou parroquia que destaque de modo máis notable na defensa e conservación da súa contorna arquitectónica natural e ambiental, do seu patrimonio histórico, cultural ou artístico así como en iniciativas de impulso económico e social ou na realización de obras, sempre que estas redunden en beneficio común.

O prazo para presentar as candidaturas abrirase o vindeiro martes, día 22 de xaneiro, e finalizará o 5 de febreiro, tal e como informou hoxe o tenente de alcalde e concelleiro de Urbanismo, Nicolás González Casares, que asinou a proposta da convocatoria aprobada en xunta de goberno. O premio repite dotación económica, con 15.000 euros que serán entregados á parroquia gañadora e que deberán ser investidos en obras e outras actuacións que redunden no beneficio colectivo da veciñanza.

Poderán presentar candidatura as asociacións culturais, de veciños ou de calquera índole que estean constituídas nas distintas parroquias do Concello de Lalín, ou tamén poderá facelo un grupo de veciños por iniciativa propia, sempre que sexa nun número mínimo de tres. Os solicitantes deberán presentar a súa candidatura nun sobre pechado que levará escrito o nome do concurso, o da asociación ou o das persoas que presenta, e o titulo do proxecto. Tamén se poderán entregar propostas por rexistro electrónico. Non se admitirán propostas de parroquias que recibiran en anos anteriores esta distinción.

Como en pasadas edicións, deberán ser entregadas dúas memorias diferenciadas por parte de cada candidatura. Por un lado, achegarase unha memoria descritiva e razoada na que se describirán de xeito pormenorizado aquelas actuacións ou actividades relacionadas cos criterios de valoración expostos no punto 5 das bases reguladoras, de modo que o xurado poida valorar a candidatura. Trátase de cuestións relacionadas coa conservación, defensa e recuperación da contorna natural, ambiental ou do seu patrimonio histórico, cultural ou artístico, así como cuestións relativas ao impulso socieoeconómico, ao dinamismo social e á integración veciñal. Doutra banda, deberá remitirse unha memoria explicativa do investimento que a candidatura considera prioritario executar na súa aldea. Detallarase neste caso o investimento -que non pode superar os 15.000 euros (IVE incluído)- e as actuacións que se van realizar e que terán que estar obrigatoriamente referidas a unha parroquia en concreto. Así mesmo, só se poderán presentar actuacións en terreos ou espazos de dominio público. Os investimentos propostos deberán estar relacionados con obras de construción ou rehabilitación, limpeza, sinalización, recuperación de espazos etc, e sempre deben redundar no beneficio común. As citadas memorias deberán presentarse nun arquivo electrónico con formato PDF, preferentemente, segundo o modelo que se poderá consultar nos anexos das bases.

O xurado do premio estará presidido polo alcalde de Lalín, Rafael Cuíña, e composto polos concelleiros de Urbanismo, Facenda, Cultura, Rural e Obras. Tamén se propón a participación de dous concelleiros designados pola oposición municipal. Asimesmo, formará parte do tribunal un técnico municipal de urbanismo, un profesional independente da arquitectura e o paisaxismo, un artista de relevancia cultural e un experto medioambiental. O xurado outorgará a distinción á candidatura que obteña maior puntuación dun total de 100 puntos. O premio outorgarase a unha soa candidatura que será a que obteña maior puntuación por parte do xurado. En caso de empate, decidirá o voto de calidade do presidente. A distinción do premio entregarase nos actos oficiais do día da 51ª Feira do Cocido de Lalín, que este ano se celebra o día 24 de febreiro.

Para a valoración das diferentes candidaturas teranse en conta os seguintes apartados: a conservación urbanística e arquitectónica da aldea (30 puntos). Os traballos de recuperación do patrimonio da aldea (10 puntos). A súa integración coa paisaxe e o coidado dos valores naturais da aldea (20 puntos), a actividade social e cultural da aldea (20 puntos) e o proxecto de actuacións presentado e a súa relación cos valores do premio "Aldea singular" (20 puntos).

Esta distinción, que forma parte dos acordos recollidos no pacto de goberno do Concello de Lalín, segue reflectindo a firme e decidida aposta do Goberno municipal por poñer en valor o rural como elemento clave na propia identidade social de Lalín e como un dos motores da nosa economía polo que se quere fomentar a súa rehabilitación e recuperación. Trátase, explica o Goberno, dunha iniciativa que aproveitando o alcance e a difusión da Feira do Cocido para recoñecer a importancia das nosos parroquias e para fomentar o coidado e conservación dos núcleos rurais e dos seus espazos naturais. Ademais, con este galardón integrado nas actividades da Feira do Cocido, o Goberno segue dando cumprimento ao seu programa de traballo e continúa potenciando a celebración gastronómica facendo que sexa o pobo o seu gran protagonista.