Non é unha celebración antiga e tradicional esta do San Xudas Tadeo que o domingo encheu a parroquial de Botos nas tres celebracións de mañá. Hai corenta anos o matrimonio formado por Amalia González Otero e Luís Villamarín Cuñarro, daquela emigrantes en Venezuela, onde acadaron fortuna no eido empresarial, mercou a imaxe, e logo dun acordo co párroco comezou a celebración dunha misa solemne con procesión nun dos barracóns de mercadorías e a explanada da estación de ferrocarril de Botos.

Daquela a asistencia era escasa, a familia e uns poucos amigos, pero cada ano ía en aumento e cando xa o improvisado templo non era dabondo pasou a celebración á igrexa parroquial. Nesta ocasión a chuvia impediu a procesión e os devotos tiveron que conformar con prender unha candea, deixar unha oferta e tocar o santo.

Boa ocasión para botarlle un ollo a esta igrexa que foi románica e vai para dous séculos reformada e ampliada e da vella só quedou a pía bautismal e a porta semicircular da entrada principal. Destacan nela dous fermosos retablos de finais do século XVIII adicados a Virxe e Santo Antonio, e unha cruz procesional ben labrada. Tamén hai imaxes do San Bartolomeu, que ten boa festa en agosto, e o patrón San Xoán, que preside o retablo principal.

A San Xudas Tadeo -non confundir co traidor Xudas Iscariote, de tan mala prensa- recorren os fieis para pedir axuda nas causas desesperadas que agora tanto abondan e fan que en Botos, e tamén en Lamas de Noceda, teña grande convocatoria. Sirva de homenaxe aos amigos Amalia e Luís, patrocinadores desta devoción ao apóstolo curmán de Cristo, que vai para un ano nos deixaron para sempre.