O dúo VooDoo actuará o vindeiro sábado, 27 de outubro, ás 20:00 horas, no Pazo de Liñares dentro do ciclo de mulleres creativas que leva o título de Autoras. As súas integrantes, Belém Tajes e Maritxinha, estiveron onte en Lalín para presentar o concerto, xunto ao concelleiro de Turismo, Francisco Vilariño. Coma en todas as actuacións deste ciclo, a entrada será de balde.

VooDoo é un proxecto moi persoal de Belém Tajes (voz e teclados) -cantante de Luar na Lubre desde 2017- e Maritxinha (baixo), ambas radicadas na Coruña, que vén de cumprir dous anos. Na súa particular cocteleira musical mesturan o soul e o folk, dando lugar ao que elas chaman soulk, en clave de humor. Foron galardoadas co Premio Martín Códax da Música Galega na categoría de blues-funk-soul de 2017. VooDoo "bebe da música tradicional galega, das cantigas que oímos ás nosas avoas, pezas que todos temos na nosa memoria musical -en verbas das artistas-, iso si, cun toque moi distinto, actual", coa intención de que "se renoven e non vaian quedando atrás". Cunha duración aproximada de hora e cuarto, o seu espectáculo tamén incorpora "un punto de ritual máximo, vudú, e chistes".

As artistas amosáronse encantadas de poder actuar no Pazo de Liñares, onde, ademais dos temas xa publicados durante a súa carreira, interpretarán algúns dos que formarán parte do seu novo traballo, que verá a luz en decembro. Entre estas novidades, está unha versión do clásico Unha noite na eira do trigo, que poderá escoitarse o sábado no histórico inmoble de Prado.

"Encher de actividade e poñer en valor o enorme potencial que ten o Pazo de Liñares, unha das grandes xoias arquitectónicas do municipio, como polo de atracción de visitantes" é un dos obxectivos de Autoras. Ciclo de Mulleres Creativas, apunta Francisco Vilariño. A isto engádese a visibilización do "importantísimo papel da muller no eido cultural e creativo de Galicia". Con esta filosofía artellouse un programa coa muller como epicentro e con vocación de continuidade e que ofrece diversas propostas nas que se conxugan a música, as performances e as artes escénicas.

Najla Shami abriu con éxito o 28 de setembro un ciclo que tamén contará con Ugia Pedreira & Marina Oural e Iria Sobrado-O estado cru.