Silleda deu a coñecer a súa programacion cultural no mes de maio, na que a música, a danza e a poesía teñen boa parte do protagonismo. O calendario arrinca o vindeiro xoves, día 3, cunha nova performance do programa provincial Mulleres en Acción. Violencia Zero. Na Praza da Igrexa, ás 12.00 horas, Dúas ofrecerá o seu espectáculo de percusión Decisión. Ao día seguinte volven as actividades do Mes Cultural de Axuda ao Pobo Saharaui. Marcos Pereiro ofrecerá o seu monólogo Cómo ser armario empotrado, a partir das 21. 00 horas na Casa da Cultura de Silleda e a un prezo de 5 euros a entrada.

O sábado, 5 de maio, Xirandola celebra unha foliada tamén ás 21.00 horas, diante do auditorio da Bandeira, na praza Vales Mahía. Xa na xornada dominical hai unha dobre cita: a Sementeita (16.00 horas, nunha finca próxima á Carballeira das Pedrosas) e o festival de Máisquedanza, desde as 17.00 horas no auditorio da Semana Verde.

Na segunda semana do mes, o día 11 o CEIP Ramón de Valenzuela festexa a oitava Romaría das Letras, cos alumnos do colexio de Oca como convidados. A partir das 10.00 horas comenzarán as actividades con música e obradoiros. O sábado 12, tamén na Bandeira, está prevista unha nova edicion da Mostra Infantil de Xirandola.

O luns 14, o centro cultural Vista Alegre dá comezo a Semana Cultural da vila da Bandeira e tamén á terceira edición de Dezarte, que estará aberta ata o 18 de xuño. O xoves 17, Día das Letras Galegas, a poetisa ceense María Lado impartirá un obradoiro de poesía na Casa da Cultura de Silleda (12.00 horas) para nenos de cinco anos en diante. Os que queiran asistir teñen que anotarse no consistorio entre os días 7 e 11. María Lado forma parte do Batallón Literario da Costa da Morte, onde comezou a escribir os seus primeiros libros, e entre os seus xa numerosos recoñecementos figura ter gañado o certame de poesía erótica das Illas Sisargas co poemario Amantes. Nesta xornada festiva tamén se celebra a oitava edición do Festival de Música Tradicional de Silleda. O sábado, día 19, no cenobio máis coñecido da comarca terá lugar o certame Voces de Carboeiro, que organiza o coro Vales Mahía. Para rematar a semana, o domingo 20 o citado Mes Cultural de Axuda ao Pobo Saharaui acaba cunha andaina solidaria polos arredores de Silleda, en concreto pola zona da parroquia de Ponte. Pola tarde, os veciños de Parada volven festexar a súa Ruada nas fontes e lavadoiros da parroquia, que o 8 deste mes foron escenario dunha ruta que organizou a Xunta para conmemorar o Día Internacional da Actividade Física.

Formación para familias

Xa na recta final do mes, o sábado 26 o programa Avelaíña, que puxo en marcha a Concellería de Cultura, tamén traerá a Trasdeza unha sesión para proxenitores e crianzas sobre disciplina positiva. O último domingo de maio, pola súa banda, terá como protagonista o baile tradicional, cunha nova edición do festival que organiza Azaloira. Dende a Concellería de Cultura a súa responsable, Ana Luisa González Costa, sinala que se trata "dun programa amplo e variado para todos os públicos, e que volve facer de maio unha época especial en canto a actividade cultural no municipio silledense".