Na xornada do 17 de novembro, domingo pardento, a tropa do Capitán Gosende foi requirida, novamente, na parroquia de Pedre (Cerdedo). A cabeza non para e as pernas vanlle ao son. O domingo anterior, os Gosende achagarámonos até a veciña freguesía de Parada co aquel de pór en pé o sinalador da ponte romana sobre o Lérez, abatido había pouco polo vendaval. Fincouse xaora o letreiro, mais non se puido acceder ao castro das Cercas, outro dos nosos obxectivos, xa que o río das Freixas baixaba cheo, asobordando os peares.

No tocante á actividade desenvolvida o domingo 17, dúas eran as razóns que xustificaban a presenza dos Gosende nos predios do San Salvador. A primeira, escoller e acondicionar unha alternativa ao trazado proposto orixinalmente para os metros finais do "Roteiro polo Pedre milenario" (itinerario cultural que xa ferve na Internet). Perseguiamos con este trasacordo aforrarlles aos nosos visitantes ter que atravesar o perigoso rasante da estrada N-541, á altura do desvío de cara a Pedre (Aldea de Baixo). A segunda das razóns arelaba satisfacer unha petición veciñal desoída polo Concello: limpar de mato e silvas o resío do cruceiro e peto de ánimas de Vichocuntín (sito na aldea nova), labrado hai máis dun século (1905) polas mans habelenciosas dos canteiros de Montes.

O conxunto formado polo cruceiro e peto de ánimas de Vichocuntín é unha fermosa mostra de arte popular que, polo momento, segue integrando o tesouro patrimonial cerdedense. Porén, sometido ao comenenciudo capricho das hidroeléctricas, o cruceiro abandonouse á súa sorte, a semellanza daquel quinteiro todo (lembren o da "aldea pantasmagórica", ocorrencia coa que a web oficial pretende dar a coñecer os valores turísticos do municipio). Oxalá, as ánimas teñan conta do seu e afasten do lugar os espoliadores. Tras o café ritual en "O Espigueiro", a tropa irredutíbel baixou a Vichocuntín, despregouse á roda do cruceiro, desenfundou fouciños e machadas e, na compaña do señor Luís (veciño do lugar), procedeuse a retirar a matogueira das inmediacións da escultura.

Ende ben, cumpríronse os dous obxectivos: rozouse ao pé do cruceiro e dispúxose a rota alternativa. Aberto o novo vieiro, o tramo final do "Roteiro polo Pedre milenario" discorre arestora baixo a ponte pequena que sostén a vella estrada de Ourense tras o seu paso por Pedre.

Xa que logo, de hoxe en diante, os camiñantes poderán acceder ao Pedre de Riba avanzando por unha congostra avesía que, amais do seu connatural atractivo, permite visitar un muíño roulón de bo perpiaño e cuberta a unha auga que se ergue apegadiño á beira esquerda do carreiro. As actualizacións axiña se visualizarán na Rede. O "Roteiro polo Pedre milenario", expedito xa na súa completitude, acaróase nalgún punto deste tramo final ao cacarexado "Roteiro das pontes do Lérez" cuxo estado de conservación é, pola contra, lamentábel. A pregunta é recorrente máis non pretende ser retórica: U-los 200.000 euros que a simbiose Conca do Lérez ía investir no mantemento, entres outros, do "Roteiro das pontes do Lérez"?

Mañá domingo, día 24, os Gosende presumiremos unha vez máis de roteiro, posto que, agás contratempo, acompañaremos durante toda a xornada os amigos de Andaina, animosos andaríns, integrados na asociación cultural viguesa O Coto. Poucas semanas despois de inaugurado o "Pedre milenario", perto de 400 persoas gozaron xa das excelencias do paseo. Os afoutos expedicionarios de Andaina viaxarán dende Vigo a Pedre a bordo dun autocar que, segundo o previsto, chegará á aldea a iso das 10'00. Se a meteoroloxía o permitir, investirase toda a xornada en cubrir os 14 quilómetros de percorrido e os 4.000 anos de historia. Durante a sesión matutina, faranse os primeiros 7 quilómetros. A excursión partirá dende o peto de Pedre, vadeará o río Lérez pola ponte medieval (amparada polos Gosende), acadará o Coto das Insuas (onde nos agarda o Xacente, pétreo antropomorfo descuberto polo colectivo en 2012), ascenderá a curotiña do Serrapio, visitarase a aldea vella de Vichocuntín (a descuberta e promoción destas ruínas motivou na Web innúmeras mostras de adhesión e apoio), baixarase até a aldea nova, achegarémonos até o cruceiro acabadiño de asear e, seguindo Lérez abaixo, tornaremos ao Peto, o punto de partida. Ás nosas costas deixaremos uns 1.200 metros de camiño, axeitados polos voluntarios de Capitán Gosende ao longo destes meses de traballo.

Na sesión vespertina, tras o merecido e, coma sempre, saboroso xantar en "Casa Florinda", haberemos axotar a galbana e dispórmonos a ascender deica o santuario rupestre da Laxa das Filloeiras (o petróglifo foi atopado por Capitán Gosende en 2012). Despois, na Ponte do Barco, faremos un alto perante o monumento aos mártires republicanos de Cerdedo, atinxiremos o casarío das Cortellas de Pedre (aldea medieval) e, voltaremos novamente ao Peto, superando outros 7 quilómetros.

Abofé, non nos despediremos dos nosos camaradas da asociación O Coto e da terra de Cerdedo, sen antes brindar cunhas refrescantes sidras no restaurante "O Meu Lar". Esa noite, ao agocho das mantas, podo garantirlles que os Gosende conciliaremos o sono nun santiamén. Así sexa. Aprobado polas Cortellas de Pedre!