A tarde do domingo 28 de xullo deveu chuviñenta, non obstante, o colectivo Capitán Gosende aproveitou unha aloveada para localizar a aldea vella de Vichocuntín e, a maiores, inventariar o cadal etnográfico acurrunchado baixo a fronde. Capitán Gosende daba resposta deste xeito a unha suxestión remitida a través do correo electrónico por un cerdedense, atento seguidor das nosas andanzas, que escoitara falar os entregos da existencia deste casarío. A falta de adro, boas son as redes sociais. Para esta oportunidade, o equipo de exploración estaba formado por Xoán Soto, Pedro Peón, Miguel Solla, João Bieites, Nacho Grande, Manuel Fortes, Xurxo Cochón e Calros Solla. A zona explorada abrangueu unhas 4 ha de terreo.

Vichocuntín, a aldea vella e mais a nova, pertencen á parroquia cerdedense de Pedre. A aldea primixenia localízase a uns 150 m cara ao noroeste do poboado actual e a 2'5 km da capital cerdedense. Segundo os nosos informantes, o casal tras do que andabamos ficara abandonado había uns 80 anos.

O paulatino despoboamento da aldea vella de Vichocuntín, o núcleo orixinal, veu motivado pola construción, no século XIX, da estrada de Ourense cuxo trazado discorre uns 150 m cara ao sur. As vantaxes de vivir ao pé dunha transitada vía de comunicación atraeron a xente á súa beira. A estrada de Ourense atravesa a aldea nova (A Vilanova) salvando o río Lérez grazas a unha ponte de pedra que aínda empresta servizo, a ponte de Vichocuntín (do ano 1852). As razóns que xustificaron aquela muda de residencia pódense albiscar no seguinte dito: "Xúntate con quen teña leiras ao pé do camiño". Descoñezo a vixencia do aforismo.

Xa na década dos setenta do pasado século, o acondicionamento da estrada de Ourense, hoxe N-541, precisou da construción dunha ponte de formigón sobre o río e a escava dun noiro que afastou definitivamente a aldea primitiva da moderna. A reorientación do tráfico é, outra volta, unha das causas do abandono do Vichocuntín de hoxe.

Durante a rolda de café en "O Espigueiro", e por mor das inclemencias meteorolóxicas, houbo quen plantexou a posibilidade de adiar a misión, mais, consonte o lema da agrupación, "Chova, neve ou vente: Capitán Gosende!", a maioría desestimou todo cancelamento. É ben certo que "o falar non ten cancelas".

Revividos coa dose necesaria de cafeína, abandonamos a estrada xeral en dirección ao Serrapio. A escasos metros do cruzamento, arrumamos os vehículos á beira dereita da estrada e, sen máis demora, enfilamos un camiño empecido pola vexetación. Daban as cinco da tarde.

A aventura non ía ter un bo comezo, pois ao pouco, batemos cun vertedoiro incontrolado e inxustificábel: refugallo de obra, colchóns, televisores, pneumáticos, botellas, plásticos; a pouco máis de catro quilómetros do "punto limpo" de Deán. Pola presente, informado queda o servizo de limpeza do Concello.

Percorridos uns 200 m ao abeiro dunha bóveda verdecente, demos coas primeiras construcións, en total ruína. Tras a experiencia na Coenllosa, as nosas expectativas eran moderadas. Porén, a situación mudou radicalmente cando, minutos despois, batemos co primeiro dos elementos arquitectónicos significativos: un canastro de catro claros. "Canastro" é a denominación local do xenérico "hórreo". "Espigueiro" é unha forma sinónima.

O dito canastro correspóndese ao chamado hórreo "tipo Pontevedra": petrificación parcial da estrutura, cuberta a dúas augas, cámara rectangular, edificio longo e estreito. As dimensións do canastro de Vichocuntín son as seguintes: uns 10 m de longo e 1'50 m de largo. O hórreo oriéntase lonxitudinalmente na dirección leste-oeste. A parede cabeceira que daba cara ao sur padeceu derruba. A armazón da cuberta (trabes, tesoiras, cume, ripias) desaparecera; así mesmo, a madeira das paredes costais (balaustres, portas). O seu abatemento debeu acontecer hai moitos anos, xa que no chan non se apreciaba resto ningún dos paramentos. O canastro conta dez esteos (ou pés) duns 85 cm de alto e, encol deles, cinco tornarratos (a xeito de mesa); tamén mantén todas as grades e traveseiros inferiores e, pousando neles, dous piares zafreados; amais, algunhas lastras do piso e a parede cabeceira de cara ao norte, na que en tempos abría unha porta. Malia o seu deterioro, o hórreo de Vichocuntín segue conservando moito do seu antigo porte e magnificencia. Fartura.

Así fose o ollal dunha agulla, árbores de bo talle enfían os vans deste exemplo de arquitectura resistente. Non puidemos reprimir o desexo de botar pé ao camiño, ao socairo de grosos muros de cachote, e avanzar baixo o canastro que, nun alarde de aproveitamento espacial, voa o último dos tramos por riba da corripa.

Na aldea vella de Vichocuntín só se conserva, nas condicións descritas, un hórreo e mais catro esteos pousados no valo da congostra, vestixios dun segundo exemplar ou, como afirma Xocas, imperecedoiro sinal de propiedade do terreo no que asenta. Non se desbota que, xacando, se tivese trasladado algún outro canastro ao novo asentamento.

O canastro de Vichocuntín, con certeza edificado a carón dun eirado comunal, eríxese pórtico maxestoso do quinteiro. A soa presenza do hórreo xa rendibilizara a excursión, mais, o mellor aínda estaba por chegar.

Decidimos que o camiño fixese de cicerone. Un groso manto de restrollo ocultaba o firme enlousado. Non sen dificultade, avanzamos por entre unha embrolla de vexetación vizosa (carballos, mimosas, castiñeiros, estripos, urces...) e troncos e pólas secos. Evidenciábanse signos de calcinación, lembranza do pavoroso incendio de 2006 que se cebou naquel territorio. A medida que nos internabamos, o vello Vichocuntín foi revelando todos os seus segredos, exhibíndose como unha illa forestal de inspiración amazónica.

A aldea vella de Vichocuntín componse apenas de media ducia de vivendas, emporiso, a súa feitura, as súas dimensións, os materiais empregados na súa construción (perpiaño e boa cachotaría), as dependencias anexas... falan dunha, noutrora, puxante comunidade agropecuaria.

Todas as construcións destinadas a vivenda posúen dous andares (sobrado e cortes) e cadanseu forno. Cómpre salientar a existencia dun forno cuxa ábsida acada os 6 m de alto. A pesar do abandono e a porfía dos elementos naturais, as paredes consérvanse íntegras e dereitas.

A maiores, a aldea vella de Vichocuntín agasalla ó visitante con outros dous melindres etnográficos: un muíño roulón e mais un pombal. O muíño é unha construción cadrada de paredes de cachote (dimensións: 4'70 m de lado). Unha presa (ou levada) conduce a auga dende o regueiro do Martelo (que discorre ao leste do casal) até o muíño que ocupa na aldea un lugar central. O traxecto que percorre a auga é duns 200 m. O muíño moe valéndose dunha moa de 80 cm de diámetro. Nun bancal situado por riba do muíño érguese o pombal. Construción cadrada de cachote de 2'40 m de lado con cuberta de lousa a catro augas. Nas paredes interiores do pombeiro abríronse celas para gorecer as aves e dúas lacenas de cría. Atopouse entre o sedimento o cantacuco, pedra de feitío cónico que lle daba remate á cuberta.

O catálogo patrimonial de Cerdedo, recentemente actualizado, tivo en consideración estes bens?

Son sabedores da miña querenza polo saber popular, plasmado na fraseoloxía, na arquitectura, na mitoloxía... Cando á sabenza antiga e celmosa, condensada nas ruínas, se lle engade o albedrío creador da natureza, o resultado, como se comproba en Vichocuntín, é dunha fermosura indescritíbel. Coido que hai poucas cousas máis evocadoras ca unha casa habitada por árbores.

O mellor xeito de atinxir aquela beleza acoutada é presenciándoa in situ. Con tal motivo, Capitán Gosende, porfillando a criatura, promete en breve organizar unha visita guiada a esta nova descuberta.

O colectivo Capitán Gosende esixe que a obra dos nosos devanceiros, da natureza e do tempo sexa escrupulosamente respectada. Aquel lugar apenas precisa dun brandear de fouciño que facilite o acceso dos camiñantes, e a sutil consolidación dalgunha estrutura en prol de garantir a seguranza de quen o visita. Máis nada.

Co respecto debido aos seus lexítimos posesores, a aldea vella de Vichocuntín é, en por ela, unha magnífica aula de interpretación etnográfica e natural. Temos a obriga de preservar e dar a coñecer os seus valores.