30 de septiembre de 2012
30.09.2012
Faro de Vigo
Historias da historia (III)

Ponte, unha historia a carón do Deza

O autor reivindica os encantos desta parroquia, que albergou a primeira central hidroeléctrica de Silleda

30.09.2012 | 02:00

Na marxe esquerda do río Deza, onde este se encaixa nun fermoso val, érguense os terreos dunha parroquia que foi durante moitos séculos paso obrigado entre as terras de Trasdeza e as veciñas do Corpiño e de Carbia. Unha parroquia que debe o seu nome á obra de enxeñería que facilitou ese paso. Esta parroquia é a silledense de San Miguel de Ponte, que estes días celebra a festividade na honra do seu patrón e da Virxe do Carme.

Na Baixa Idade Media, exercían xurisdición criminal e civil sobre o couto de Beicomenzo, o actual lugar de Meixomence, a Encomenda de Beade e o arcebispo compostelán. Esta encomenda pertencía aos cabaleiros da Orde Militar de San Xoán de Xerusalén, que herdaran as poucas propiedades que lles quedaban aos cabaleiros do Temple, o que fai supoñer a presenza desta orde nestas terras de Trasdeza. Por documentos de foros, podemos deducir que o nome deste couto cambiaríase polo de couto de Rosende no século XVI ou incluso antes. Esta xurisdición estaba constituída polos lugares de Meixomence (xa citado), as Casas do Monte e Rosende, este último dividido entre as parroquias de Ponte e Vilar. Os foros tamén nos confirman a existencia de vivendas en Casderrei, Trasfontao e Nonelle, este último agora sen rastro das mesmas.

En 1809, en plena Guerra da Independencia, ao campo da feira de Silleda acoden o párroco e tres veciños desta parroquia á reunión na que se planea a defensa das pontes da zona e se constitúe a Xunta de Defensa de Trasdeza, que instala o seu cuartel xeral nas Casas do Monte. Este lugar pasaría a pertencer á parroquia de Silleda anos máis tarde. Ademais, en 1891, o lugar de Rosende, xa desintegrado o couto do seu nome, pasa a pertencer na súa totalidade a esta parroquia. Xa no século XX, hai que destacar a creación dun sindicato de traballadores do ferrocarril, a Unión Obrera de Ponte, a explotación dunha canteira no monte do Picoto e a construción de parte do recinto da Feira Internacionacional de Galicia nos termos da parroquia.

A primeira igrexa parroquial fora levantada no Agriño, cando existían aldeas máis ao norte das actuais. Descoñecemos cal sería a súa antigüidade, pero podemos deducir que sería unha construción de reducidas medidas, cun pequeno campanario que albergaba unha soa campá e, pola súa orientación e polo terreo no que se ergueu, vítima de constantes inundacións. Por esta última circunstancia, en 1863 ordénase o traslado dos actos relixiosos á capela da Nosa Señora dos Remedios, levantada a finais do XVIII, que sufriu varias reformas ata dar como resultado a actual igrexa parroquial. Así, os festexos de San Miguel e da Virxe do Carme (29 e 30 de setembro) terían lugar nesta capela xunto cos que xa se celebraban alí, os Remedios (2º domingo de setembro) e o San Breixo ou San Verísimo (domingo anterior ao 29 de setembro). Este último, coñecido desde sempre polo seu nome en castelán, congregaba xentes de toda a comarca nunha gran romaría campestre que, por desgraza, acabou por desaparecer. Nembargante, aínda perdura na memoria colectiva o nome do campo do San Verísimo, situado onde hoxe está o campo da festa. Na actualidade, esta parroquia converteuse nun referente gastronómico grazas á Festa do Chourizo ao Viño.

Para acabar, convén destacar que Ponte é pioneira en enerxía hidroeléctrica, xa que aquí atopamos, no río da Gouxa ou da Mera (que aquí recibe o nome de río de Rosende), a primeira fábrica de luz de toda Silleda. A chamada "central de Pereiro" foi construída para aproveitar as augas deste río, como tamén aproveitaban varios muíños río arriba. A carón destes, así como noutros puntos do río, formáronse media ducia de salto de auga, de gran beleza e que esperan o seu debido acondicionamento. Lugares con centos de anécdotas e lendas, como a ponte do Pozo Negro, a Insua ou a Peneda dos Mozos, agardan a que o curioso sendeirista os descubra e se marabille dos seus encantos, nun entorno tan privilexiado como é a ribeira do Deza.

* Veciño de Ponte de 19 anos e estudiante de Matemáticas

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

GALICIA EN VINOS

Galicia en Vinos

Todos los vinos de Galicia

Consulta aquí todos los vinos de las cinco denominaciones de origen de Galicia