16 de diciembre de 2010
16.12.2010
40 Años

Morte por amor en Meilide

Calros solla, Escritor e estudoso de Cerdedo

16.12.2010 | 01:17

Din os necrólogos que os galegos somos un pobo propenso ao suicidio. En 2009, quitáronse a vida tantos galegos como días levou o ano. A Coruña é a provincia onde se rexistra a taxa de actos autolíticos máis alta do Estado. Ende mal, no mundo, suicídase unha persoa cada corenta segundos. Os estudos arredor do suicidio en Galicia tenden a relacionar a privación voluntaria da vida coas condicións climatolóxicas do país, coa dispersión e o avellentamento da poboación e, hoxendía, coa crise. Eu intúo que debe haber algo máis. Cecais, haxa que ir pensando en substituír o manido dito de Castelao "O galego non protesta, emigra" por estoutro, "O galego non protesta, suicídase".
Como se lerá a seguir, os anais de Cerdedo tamén gardan un episodio de suicidio, máis, para o particular, non se deben buscar as causas nas baixas presións atmosféricas, nin na recesión económica, senón no amor apaixonado e non correspondido, unha outra isóbara borrascosa.
Non desaproveito folganza ou vacación para me entregar ao revelador exercicio da escoita. Nesta longa ponte de decembro, en achándome ida por volta en Cerdedo, fun convidado a un gorentoso e farto xantar, digno da mellor dieta atlántica. Os alimentos esconxuran a morte. Na sobremesa, á calor da cociña de ferro, agasállaronme, a maiores, coa terríbel historia da muller que, tras desengano amoroso, decidiu pór remate aos seus días na terra. Disto hai máis de cincuenta anos.
Os veciños de Cerdedo deron testemuño daquel longo noivado. Unha rapariga de Meilide e un rapazolo de Limeres entregados cegamente ao cerimonial argallado polo deus Eros. Ambos os dous –como lle gusta dicir ao pobo – de boas familias. O ritual do noivado tradicional énos ben coñecido.
Alén dos bailes e romaxes, o mozo, ao caer o sol, arrombado o labor cotiá, acudía á porta da moza e alí, na soleira, respectando as prescritas distancias, ían bosquexando o porvir, prometéndose eterna fidelidade.
Nun destes "amores de porta", o mozo transmitiulle á namorada a súa intención de facer as Américas e, ao tempo, rogoulle que lle gardara ausencia. Tornaría con cartos e casarían. Na Galiza da década dos corenta, emigrábase por necesidade, mais tamén por moda ou aborrecemento.
Aquel mozo prometera prolixa correspondencia, mais, alén mar, as cartas fóronse espazando cada vez máis: "Papeles son papeles, cartas son cartas; as palabras dos homes todas son falsas".
De alí a uns anos, o mozo regresou a Limeres. A paixón arrefriara e os ollos viráranse cara a outra muller, máis nova. As visitas a Meilide mudaran en fría e esporádica cortesía. A moza, desacougada, pediulle a alguén de confianza que lle fixese chegar unha carta ao tépedo amante na que o impelía a cumprir a palabra dada. O mozo, en resposta, camiñou a Meilide por derradeira vez para desenganar o seu xa esquecido amor.
"Non te namores, neniña, neniña non te namores; non te namores, neniña, das palabriñas dos homes". A moza, alienada pola traizón, enguliu unha dose incerta de raticida. Foi abonda. Agonizou oito longos días. Os berros de dor amolegaban as pedras. Co rostro tinguido da cor do hábito do Ecce-Homo, entregou a súa alma ao Alén. O seu corpo repousa no cemiterio parroquial de San Xoán, malia que a Igrexa doutrora adoitaba non ter conmiseración cos suicidas.
Abesullo oportunamente nos vellos libros e rescato unha pasaxe de "O amor, as mulleres e a morte", escolla de ensaios do filósofo alemán A. Schopenhauer (1788-1860): "Cando o amor afecciona un ser único, acada daquela tal intensidade, tal grao de paixón, que, se non pode ser satisfeito, perden o seu valor todos os bens do mundo e a mesma vida. É unha paixón dunha violencia sen igual quen non recúa ante sacrificio ningún e pode conducir á loucura ou ao suicidio".
Casou aburadamente a nova parella e decidiu pór terra de por medio. O pobo xa ditara sentenza. A mala fada cruzou o mar canda eles. Segundo contan, ao pouco de se instalaren en Venezuela, morreu ela dunha doenza tan asoballadora coma inopinada e deveu tolo el, pois a visión perturbadora da envelenada aparecíaselle, acusadora, no fondo dos espellos.
Débolles recoñecer o meu arrepío, mais concordo cos que pensan que "o suicidio non é unha negación da vontade de vivir, senón unha forte afirmación desta" (D. Castrillo).
Na tumba de Virginia Woolf (1882-1941), nomeada escritora e suicida, pódese ler o esgrevio epitafio: "En contra túa voarei co meu corpo invencíbel e inamobíbel, oh, morte!".

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

GALICIA EN VINOS

Galicia en Vinos

Todos los vinos de Galicia

Consulta aquí todos los vinos de las cinco denominaciones de origen de Galicia