O Concello de Marín e o Club San Miguel organizan a XXIII Milla Urbana San Miguel de Marín, que se celebrará o vindeiro sábado ás 17.00 horas e cuxo cartel foi presentado onte polo concelleiro de Deportes, Antonio Traba. A proba terá lugar na Avenida de Ourense, nas inmediacións da Alameda Rosalía de Castro, e estará baixo o control do Comité Galego de Xuíces da Federación Galega de Atletismo. Haberá catro probas diferenciadas: Milla Élite Masculina e Feminina, Millas Populares, Carreiras de Categorías Menores e Carreira Popular de 5 quilómetros.

Poden participar todas aquelas persoas que o desexen, teñan ou non licencia, e a inscrición rematará mañá ás 23:59 horas, a través da seguinte ligazón: https://www.carreirasgalegas.com/carreira/xxiii-milla-urbana-san-miguel-de-marn/5d2ff7e8-b40a-8bd8-c5be-3a05e1fcbb09.

Víctor Riobó, encargado da organización do evento, anotou na presentación que está preto de chegarse aos 600 participantes, “e está previsto que o propio día se sumen cerca de 100 nenos e nenas”. Ademais, apunta Víctor, “van participar dos mellores atletas galegos de fondo e medio fondo”.

A entrega de dorsais arrancará ás 15.30 horas na Alameda e as probas iranse sucedendo desde as 17.00 ata as 20.00 horas, momento da entrega de premios. Haberá seis premios en total para a Milla Élite.

Marín festexará a San Miguel, coa ancestral Danza de Espadas, o vindeiro 2 de outubro, ainda que xa o domingo 25 a Asociación do Museo do Mar de Marín homenaxeará ás mulleres do mar con motivo da celebridade de San Miguel, a través dun festival que se organizará na Alameda Rosalía de Castro a partir das seis da tarde.