Síguenos en redes sociales:

Poio activa un concurso online para fomentar os adornos de nadal en vivendas e negocios

As propostas deberanse compartir nas redes sociais para acadar “likes”

A Concellería de Cultura impulsa un novo concurso online co que se busca “fomentar o espírito do Nadal e axudar tamén a dinamizar a actividade comercial e social durante estas datas tan emblemáticas”, tal e como sinala a edil responsable da área, Raquel Rodríguez. Trátase de “Decora o teu curruncho”, a través do cal se anima á veciñanza e ao tecido empresarial a adornar as fachadas das súas propiedades para, acto seguido, publicar fotos nas redes sociais. Aquelas instantáneas que reciban un maior número de “likes” levaranse premios para gastar en negocios locais, como comercio, hostalería ou salóns de peiteado, entre outros. A actividade permanecerá activa entre o 9 e o 15 de decembro e estableceranse dúas categorías diferentes do concurso, un para vivendas e outro para negocios.

Á hora de subir as fotos a Facebook e Instagram, será necesario engadir o cancelo #DecoraOTeuCurruncho. Aquelas imaxes que obteñan un maior número de “likes” serán premiadas con 100 euros (unha por categoría). Valorarase especialmente o feito de utilizar elementos naturais e de refugallo á hora de realizar os deseños, redundando, neste xeito, no espírito de concienciación medioambiental que se impulsa desde programas como Poio En Verde.

Desde a Concellería de Cultura anímase á veciñanza a tomar parte nesta iniciativa, cuxas bases poderanse consultar nos perfís oficiais do Concello en redes sociais, así como na páxina web municipal. Deste xeito, estes ornamentos se sumarán ao alumeado de Nadal que xa se activará ao longo desta ponte festiva no municipio.

Pulsa para ver más contenido para ti