Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xavier Lavandeira nn | Economista especializado en cambio climático

“Moitos dos impactos do cambio climático xa está aquí e vanse acrecentar”

“Debemos pensar na adaptación, que terá un componente privado e outro público”

O economista Xavier Lavandeira. | // FDV / RAGC

Ás consecuencias da pandemia, que supuxo un retroceso no PIB como non se vira dende a postguerra, segundo se puxo de manifesto no II ciclo de conferencias Aida Fernández Ríos que celebran a Real Academia Galega de Ciencias e a Deputación, sumarase nos vindeiros anos un reto igual de insólito na historia: facer fronte ás consecuencias do cambio climático. O programa de charlas contou nestes días, previos ao Día Mundial do Medio Ambiente que se celebrou onte en todo o mundo, co catedrático de Economía Aplicada Xavier Lavandeira, que resposta mediante o correo ás preguntas de FARO.

–Como é previsible que impacte o cambio climático en España?

–España é un país moi vulnerable ao cambio climático porque os impactos físicos están entre os máis relevantes dos países do noso entorno e porque dependemos en grande medida dos servizos ambientais para moitas das nosas actividades: agricultura, pesca, turismo. Entre os impactos sobranceiros o importante aumento de temperaturas en determinadas áreas, con moita preocupación por eventos extremos, unha maior escaseza de auga e por tanto fenómenos de desertización, e suba do nivel do mar e afectación a usos diversos.

España é un país moi vulnerable porque os impactos físicos están entre os máis relevantes dos países do noso entorno e porque dependemos en grande medida dos servizos ambientais para moitas das nosas actividades: agricultura, pesca, turismo

decoration

–¿É certo que somos unha das rexións do mundo que resultará máis afectada?

–Si, en moitos indicadores de impacto e vulnerabilidade estamos entre os países que abren a listaxe.

Os problemas das nosas políticas públicas non é a súa ineficiencia senón que non contan coa intensidade necesaria para impulsar o grande cambio necesario para mitigar o cambio climático

decoration

–¿Que medidas deberíamos implantar xa para facer fronte ao problema?

–Moitos dos impactos, desgraciadamente, están a producirse e aumentarán nas próximas décadas, así que debemos pensar na adaptación. Adaptación que terá un compoñente privado, en forma de cambios de actuacións e/ou equipamento de empresas e cidadáns para evitar os efectos adversos, e tamén público, como infraestruturas para a protección de zonas costeiras. Pero teremos que realizar, simultaneamente, políticas de redución das emisións dos gases contaminantes que causan o cambio climático para así evitar que os impactos sigan crecendo. Estas políticas de reducción coñécense habitualmente como medidas de mitigación do cambio climático.

–¿Están sendo eficientes as políticas públicas?

–Eu creo que os problemas das nosas políticas públicas non é a súa ineficiencia senón que non contan coa intensidade necesaria para impulsar o grande cambio necesario para mitigar o cambio climático. A nivel global desde logo este é o caso, pero incluso nun dos territorios con políticas máis ambiciosas, como a Unión Europea, a situación está lonxe de ser a requerida para o grande desafío ao que nos enfrontamos.

Galicia non conta, a día de hoxe, con ferramentas suficientes para a adaptación e mitigación do cambio climático

decoration

–¿Está preparada Galicia para este desafío?

–Galiza comparte os problemas que mencionei con anterioridade e non conta, a día de hoxe, con ferramentas suficientes para a adaptación e mitigación do cambio climático. Deberíamos resolver esta situación non só porque o noso país non sería o mesmo sen un clima tan benigno que fai posible moitas actividades socio-económicas de grande valor, tamén porque contamos con moitos recursos naturais, auga, vento e sol, que fan totalmente viable que teñamos un sistema que non dependa dos combustibles fósiles nun prazo curto de tempo.

En Galiza contamos con moitos recursos naturais, auga, vento e sol, que fan totalmente viable que teñamos un sistema que non dependa dos combustibles fósiles nun prazo curto de tempo

decoration

–¿Que pode facer este país para afrontar este problema?

–As nosas accións teñen que concentrarse na adaptación das nosas actividades primarias e infraestruturas, como apuntei con anterioridade, e tamén na redución das nosas emisións. Para iso debemos seguir instalando máis capacidades renovables e actuar decisivamente na eficiencia enerxética. Isto demandará, por suposto, actuación das administracións que operan no noso país, desde a europea até a municipal, pero tamén precisaremos dunha actuación proactiva por parte do mundo empresarial para que sexa posible ese proceso de substitución, nun prazo curto, daquelas tecnoloxías que xeran cambio climático por alternativas sostibles. E, por suposto, os cidadáns deben contribuír tamén á solución mediante mudanzas nos seus hábitos e decisións de compra e investimento.

Debemos seguir instalando máis capacidades renovables e actuar decisivamente na eficiencia enerxética. Isto demandará, por suposto, actuación das administracións, desde a europea até a municipal, pero tamén precisaremos dunha actuación proactiva da empresa

decoration

–¿Confía na acción internacional e en xeral en que colectivamente afrontaremos con éxito o problema?

–Desafortunadamente os sistemas de concertación internacional cos que contamos, nomeadamente o Acordo de París, teñen un carácter voluntarista que dificulta a progresión rápida e decidida que precisamos para resolver este problemas. Probablemente temos optado pola alternativa capaz de acadar amplos consensos entre os gobernos do planeta, o que supón un avanzo considerable sobre a situación de partida, pero que é insuficiente para abordar axeitadamente este problema.

Compartir el artículo

stats