Un paseo pola nosa música durante os últimos 20 anos e un achegamento ás bandas, ás solistas e a todos aqueles que están facendo música en galego en diferentes estilos por todo o país”. O concelleiro e Normalización Lingüística e Xuventude, Alberto Oubiña, define así a mostra “Cantámola en galego”, comisariada por Teresa Cuíñas e Pepe Cunha, e que inaugurou onte o alcalde, Miguel Fernández Lores, na praza de Ourense.

A mostra combina 14 paneis con listaxes de reproducción en Spotify, de vídeos en YouTube e unha unidade didáctica, esta última realizada pola escritora e filóloga Rosalía Fernández Rial e pensada para centros de ensino, xa que esta exposición que poderá visitarse durante todo este mes de maio, será adaptada a partires de setembro para itinerar polos colexios, entidades e mesmo outros concellos.

Alberto Oubiña explicou que “Cantámola en galego” recolle toda una eclosión musical que partiu do movemento “bravú”. “Esa revolución deixou semente, ampliouse, e cambiaron as maneiras de compoñer, cambiaron as letras, os estilos musicais, e iso tamén favorece que, hoxe por hoxe, se escoite música en galego e ademais todos aqueles que o fan, o fan con orgullo na nosa lingua”.

A mostra poderá visitarse durante este mes de maio e en setembro será adaptada para itinerar polos centros de ensino

O concelleiro suliñou que “desta explosión musical vimos avisando no Concello de Pontevedra desde hai anos”, citando como exemplo o festival Galegote Rock, no que teñen participado moitas das máis significativas bandas e solistas do país.

Teresa Cuíñas explicou sobre os paneles (unha compilación que titulou “Como soa o século XXI en Pontevedra”) que se trata “dun directorio de recursos da Administración local de formación e de práctica a disposición da cidadanía e tamén un sumario de eventos culturais de iniciativa pública e privada”, e sobre todo que “tivemos en conta aqueles que tivesen máis conexión co público mozo, que son os primeiros destinatarios desta mostra”.

Cantos na Maré, Culturgal, ou o Salón do Libro figuran na mostra e “forman parte do ADN do país e son inseparables da mocidade e da creación musical en galego”, indicou Teresa Cuíñas.

A maiores do ánimo divulgativo, a mostra “tamén recoñece o enorme traballo profesional e artístico que implican estas accións”, lembraron os comisarios sobre este proxecto pensado para estimular nos cidadáns, nomeadamente nos adolescentes, “a curiosidade e o interese pola música e sore todo polas músicas en galego”.