O colexio pontevedrés Marcos da Portela é un dos gañadores da última edición de Contádenos o voso Día das Letras Galegas. Tamén son recoñecidos os centros Saco Arce de Toén (Ourense), Juan Fernández Latorre (A Coruña) e Marcos da Portela (Pontevedra) neste concurso convocado pola Real Academia Galega (RAG). Participaron con traballos arredor da vida e da obra de Ricardo Carballo Calero que implicaron ao alumnado e ás familias durante o confinamento e a desescalada, “e que constitúen unha boa mostra do esforzo que realizou o conxunto da comunidade educativa galega para celebrar as Letras Galegas 2020 en plena pandemia”, sinala a organización.

Tampouco faltaron materiais elaborados polo profesorado para facilitar a celebración dende os fogares. Os colexios gañadores serán premiados con lotes de libros para dotaren as súas bibliotecas.

No caso do colexio pontevedrés, a RAG sinala que tamén os fogares foron o escenario da celebración das Letras Galegas 2020. O alumnado deste colexio da Boa Vila percorre a biografía de Carballo Calero, recita poemas e le outros fragmentos da súa obra nun dos vídeos gravados durante o confinamento, no que tamén participa o profesorado. Outra peza ofrece unha adaptación do relato As pitas baixo a chuvia, neste caso da intérprete de lingua de signos do centro; e o equipo de dinamización lingüística preparou tres Pasapalabras sobre o autor adaptados a cada un dos ciclos de primaria. 

Oitenta centros de educación infantil e primaria de toda Galicia concorreron a esta edición Contádenos o voso Día das Letras, o concurso creado pola RAG en 2017 ao abeiro do proxecto Primavera das Letras. A institución sinala que as propostas presentadas desenvolvéronse nesta edición tanto na primavera, durante o primeiro estado de alarma, como no outono, cadrando coa extensión da celebración por parte da Real Academia Galega por mor da pandemia.