A Asociación Queremos Galego Marín pon punto e final á primeira edición das Xornadas da Ciencia en Galego con dúas actividades relacionadas coa astronomía. A primeira delas, ás 19.30 horas no Museo Manuel Torres, é unha charla na que o físico Dositeo Veiga presentará o proxecto "Ceos galegos" e dará unhas nocións básicas do que podemos observar no ceo nocturno durante todo o ano. Despois da charla, se o tempo o permite, farase unha saída á Lagoa de Castiñeiras para fotografar e contemplar o ceo nocturno e ver in situ aquilo que se explique durante a charla.

O punto de encontro será ás 23.00 horas na entrada da Lagoa de Castiñeiras, ainda que tamén para a xente que non teña coche ou non coñeza a zona, os membros da asociación quedarán ás 22.35 horas na caseta de Turismo de Marín.