Os dous grupos municipais do Concello de Cerdedo-Cotobade, conformados polo PP no goberno local e o PSdeG-PSOE na oposición, veñen de acordar por unanimidade a solicitude da concesión das Letras Galegas 2019 ao escritor, historiador, etnógrafo e expresidente do Museo do Pobo Galego Antonio Fraguas Fraguas, que ademais é Fillo Predilecto destas terras. Os representantes populares e socialistas pactaron unha proposta, que posteriormente foi presentada polo presidente, Jorge Cubela, e que vén de informarse favorablemente nas comisións informativas previas ao pleno ordinario de maio.

A petición oficial das Letras Galegas para Antonio Fraguas quedará aprobada definitivamente este xoves, 31 de maio, durante a sesión da corporación municipal e, tras a adopción deste acordo, remitirase unha carta informativa á Real Academia Galega (RAG) para que teña en conta esta solicitude no plenario que abordará a elección da figura protagonista do vindeiro ano.

A moción consensuada por goberno e oposición conta con catro acordos: a solicitude das Letras Galegas 2019 a Antonio Fraguas por ser unha das figuras máis importantes da cultura galega do século XX; o compromiso do Concello ante a RAG e demais institucións para prestar a máxima colaboración na organización e desenvolvemento de todas as actividades de homenaxe a Fraguas; o apoio a calquera actividade de lembranza e posta en valor fóra das Letras Galegas; e a solicitude de concesión desta distinción a perpetuidade en caso de que non lle foran outorgadas as Letras Galegas 2019.

Todos os grupos municipais de Cerdedo-Cotobade cren que Antonio Fraguas "ten méritos sobrados e unha traxectoria que o fai merecente de recibir a máxima distinción das nosas letras" e pretenden que a solicitude sexa tida en conta polo plenario da RAG "para seguir poñendo en valor a súa vida e obra, con case corenta anos de traballo no Museo do Pobo, e darlle aínda máis pulo á lembranza que se está a facer desde o Concello con motivo do viséximo aniversario do seu pasamento".

Deste xeito, os dous partidos con representación municipal sosteñen que "a inxente traxectoria persoal, cultural e intelectual de Fraguas debe ser recompensada coa concesión das Letras Galegas" e ademais avogan porque sexa no ano 2019, xa que coincidiría co vixésimo aniversario do seu falecemento e outorgaría maior importancia e visibilidade ao seu legado.

Así mesmo, a solicitude complétase coa demanda de que o epicentro das Letras Galegas, en caso de que se concedan a Fraguas, sexa en Cerdedo-Cotobade "por tratarse do seu lugar de nacemento e de onde se sentía, do sitio ao que lle profesou máis cariño e ao que adicou gran parte da súa obra e que forxou de xeito fundamental a súa personalidade para acadar a súa magnífica traxectoria cultural".