Tribuna Libre

A retranca do ‘papel cero’ na xustiza

“É sorprendente que, sendo os funcionarios o activo da xustiza, a Xunta só faga fincapé nos medios materiais”

Pilas de expedientes en papel, en el juzgado de lo Penal 2 de Ourense.

Pilas de expedientes en papel, en el juzgado de lo Penal 2 de Ourense. / F. CASANOVA

Nuria Fornos *

Hai tempo que, nos xulgados galegos, a expresión ‘papel cero’ corre con retranca entre os funcionarios, grandes coñecedores de que esa expresión queda moi grande na realidade da administración de xustiza. Partindo dunha escasa ou nula formación dos funcionarios (peza clave para o éxito do proceso), vemos como a Xunta adica todos os seus esforzos orzamentarios a dar cursos de informática de forma exclusivamente telemática, o que deriva nunha sorte de “titulitis” sen coñecemento real. Que empresa faría un cambio informático sen ofrecer formación práctica aos seus traballadores?

Podémonos atopar con traballadores coma os da Audiencia Provincial, que manifestan claramente non saber enviar ao Tribunal Supremo os procedementos polo acceso de xeito telemático. Outros expresan a súa falta de formación práctica para utilizar as aplicacións para contidos de gran capacidade. Noutros xulgados, coma os do Social, atópanse dificultades de acceso ao expediente por todos aqueles avogados que non estean colexiados (INSS, Sergas, Concellos, etc). O acceso aos procedementos por avogados e procuradores non é automático. É o funcionario quen ten que dar acceso manualmente, un a un. Nalgún caso non se pode realizar por disfuncións do sistema.

"Certos maxistrados de órganos superiores fan as súas sentenzas a man en 2023, o que pode provocar que un funcionario perda (entre sentenza e correccións varias) ata dous días en transcribir unha sentenza"

Resulta interesante explicar aos galegos que, se se achegan ao Servizo de Atención ao cidadán a pedir información do seu expediente, non se lles poderá facilitar se o expediente está, por exemplo, na Audiencia Provincial, pois as bases de datos non están conectadas. Tampouco coa Fiscalía, o Xulgado de Menores e os xulgados das vilas. É algo completamente inexplicable nos tempos que corren. Provoca disfuncións coma, por exemplo, que na Audiencia Provincial haxa que rexistrar un procedemento xa rexistrado na instancia. Outras xurisdicións, coma Penal ou Vixilancia Penitenciaria, seguen sufrindo a dobre tramitación, pola gran cantidade de procedementos antigos que teñen en papel.

A dualidade do expediente dixital vs expediente en papel duplica en moitos casos as actuacións. Por exemplo, antes un exhorto era enviado e devolto en papel. A día de hoxe remítese dixitalmente e devólvese por duplicado (dixitalmente e tamén en papel). O mesmo ocorre nas Apud-actas, que esixen escanear as sinaturas feitas a man. No Servizo Común de Notificacións e Embargos, ao non ter tableta de firmas, teñen que duplicar a dilixencia. Esta duplicidade de actuacións trasládase á propia aplicación de Minerva, onde os datos están en moitos casos centuplicados. De non proceder á súa eliminación imos necesitar en pouco tempo un ordenador máis grande cá Cidade da Cultura.

Nuria Fornos, del sindicato Alternativas na Xustiza.

Nuria Fornos, del sindicato Alternativas na Xustiza. / BRAIS LORENZO

É certo que hai reticencias á dixitalización. Certos maxistrados de órganos superiores fan as súas sentenzas a man en 2023, o que pode provocar que un funcionario perda (entre sentenza e correccións varias) ata dous días en transcribir unha sentenza. Resulta sorprendente que, sendo os funcionarios o activo máis importante da administración de xustiza, a Xunta faga fincapé só nos medios materiais, e relegue ao derradeiro plano aos seus traballadores.

* Funcionaria e representante sindical en Alternativas na Xustiza-CUT.