Botelo a fartar en Valdeorras

1.350 comensais desfrutan na festa gastronómica do Barco: 850 quilos do produto estrela, 150 de chourizo e mil entre pataca e verdura

Máis de 1.300 comensais degustaron o botelo este sábado na festa gastronómica do Barco.

Máis de 1.300 comensais degustaron o botelo este sábado na festa gastronómica do Barco. / FERNANDO CASANOVA

J. F.

O botelo, un embutido elaborado co estómago ou intestino groso do porco, enchido de costela picada e adubada con allo, pemento e sal, e finalmente curado, é o produto estrela da festa gastronómica que leva o seu nome no Barco de Valdeorras.

Este sábado, arredor de 1.350 comensais desfrutaron da comida no pavillón de Calabagueiros –houbo cheo–, na edición 21 dunha cita gastronómica que se complementa coas segundas Xornadas do Botelo, en dezaoito restaurantes do municipio e da súa contorna.

Un grupo de comensais na Festa do Botelo.

Un grupo de comensais na Festa do Botelo. / F. CASANOVA

Unha cita para desfrutar coa familia e os amigos.

Unha cita para desfrutar coa familia e os amigos. / F. CASANOVA

Na comida veciñal de onte, cun ambiente multitudinario coma o de antes da pandemia, a organización tiña preparados 850 quilos de botelo, para acompañalos con 150 quilos de chourizo, 500 de pataca e outros 500 de verdura.

Ademais, había en existencias 700 botellas de viño e, como sobremesa, 150 bicas e 60 tortas de roxóns. E, de remate, café e licor.

Houbo unha gran afluencia.

Houbo unha gran afluencia. / F. CASANOVA

A xornada festiva no Barco de Valdeorras comezou no teatro Lauro Olmo, ás doce do mediodía, co pregón a cargo do actor Federico Pérez Rey.

Un menú para non pasar fame.

Un menú para non pasar fame. / F. CASANOVA

Tamén se realizou unha mención de honra a Adela Pombo Fernández, unha cociñeira xubilada do colexio público CEIP Condesa de Fenosa.