A competitividade do Parque Empresarial de Chorente, o polo industrial de Allariz xunto co Polígono de Roiriz, acaba de mellorar coa recente rebaixa dun 22,2% no prezo de chan industrial, que pasa de custar 45 euros por metro cadrado a ter un prezo de 35 euros.

A súa superficie dispoñible é de 16.000 metros cadrados e o Concello está en negociacións con tres empresas para a súa incorporación. Cristina Cid avanza que “o Concello acaba de rebaixar o prezo para facilitar incorporacións e estamos en conversas con empresas que están buscando solo”.

Entre Chorente e Roiriz suman 43 empresas establecidas, que xeran ao redor de 300 postos de traballo directos. As de maior dimensión laboral son Incalplás, auxiliar de automoción que foi adquirida por Faurecia no 2010, Ebanistería Allariz e O Forno do Tomás.