Síguenos en redes sociales:

Tres semanas para reiniciarse no galego

O alumnado do IES Otero Pedrayo asume o reto de vivir 21 días coa lingua propia como fala habitual durante as 24 horas

Tres semanas para reiniciarse no galego

Cando poñen o pe na rúa, Xiana e Serawit cambian de rexistro; deixan o galego na casa nun proceso automático de subustición lingüística. Adáptanse sen máis a lingua que domina no seu centro educativo, o castelán, e pasan a falala de forma case inconsciente.

A oralidade do galego está nun nivel moi baixo nas cidades e máis nos colexios e institutos, afirma a vicedirectora do IES Otero Pedrayo de Ourense e coordinadora do programa, Olga Quintana; o que precisa a lingua neste momento é promoción, si, pero tamén reflexión.

O proxecto "21 días co galego e máis" que onte se iniciou simultáneamente neste e noutros tres centros de Galicia anima aos rapaces de ensino secundario a vivir a aventura de pasarse ao galego no século XXI. A iniciativa iniciouna a profesora Pilar Ponte no IES da Pobra do Caramiñal (A Coruña) hai seis anos e para funcionar precisa que o alumnado se comprometa a vivir tres semanas usando o galego como lingua habitual. Na aula, no recreo, na rúa, coa familia, cos veciños, nas compras... As 24 horas durante 21 días, un período de tempo suficiente para perderlle medo ao galego ou sinxelamente, coller soltura coa lingua. "Esto é unha carreira de fondo e estos programas serven para abrir portas; non pretendemos que en 21 días os 835 alumnos que temos de repente falen galego, pero simplemente con que 10 ou 15 perdan o medo e na seguinte actividade de promoción sumen outros 10 ou 15 iremos avanzando", apunta a profesora.

Ata o 3 de febreiro, os alummnos deberán rexistrar as súas experiencias de forma individual e colectiva en vídeos que diariamente colgarán no blog do proxecto e reflexionar na casa ou en grupo sobre o que este cambio significa.

Para o IES Otero Pedrayo foi unha "grata sorpresa" que a Secretaría Xeral de Política Lingüística o seleccionase este curso, xunto cos IES Pontepedriña de Santiago de Compostela, Antón Alonso Ríos de Tomiño e Daviña Rey de Monforte de Lemos, cando decidiu exportar a outros centros educativos o proxecto de Pilar Ponte. "En ningún momento dubidamos en aceptar a chamada porque relamente sabemos o problema que hai co galego nos centros de cidade; existe un dominio do galego escrito pero o nivel de lingua oral no instituto é moi baixo, así que calquera programa de fomento do galego benvido sexa", sinala a vicedirectora.

"Aprendín castelán no colexio"

Para a alumna Xiana Rodríguez Iglesias, que naceu no galego, este proxecto representa un descanso xa que non terá que facer o cambio lingüístico. "Eu o castelán aprendín a falalo no colexio", afirma. Non sabe como nin por que pero admite que "antes falaba galego" pero agora, "coas amigas, castelán". Afronta o reto dos 21 días con ilusión porque o galego, di, "é o noso idioma e é bonito, pode que nos coste acostumamos, pero estou animada a facelo".

As súas amigas Eva Seoane e Paula Vázquez teñen o castelán como lingua habitual tamén na casa pero están motivadas. "Non teño hábito", di a primeira, pero "o intentaremos todos", engade a segunda.

Serawit de León fala galego coa sua familia pero castelán cos amigos. "Somos dous no grupo pero como o resto fala castelán adaptámonos a eles", sinala. Apoiado por este proxecto, vese animado a manter o galego: "Vexo ben este reto porque se podemos falar todos na lingua que nos recoñece, mellor". Laura Rodríguez, en cambio, non ten referentes galegofalantes no seu entorno máis próximo pero está animada a introducir o galego na casa.

Pulsa para ver más contenido para ti