Don Paco del Riego volve á Reboraina nas festas 2023

Andrés Couñago Laxe

Don Francisco Fernández del Riego visitou a parroquia de Reboreda (Redondela) varias veces. O 17 de maio de 1982 fíxoo para conferenciar sobre Luís Amado Carballo, a persoa a quen se lle dedicou o Día das Letras Galegas daquel ano; foi no campo da festa ante un auditorio de 400 persoas.

No ano 1994 volveu para presidir a inauguración da Sociedade L. Cultural de Reboreda. Aquel día, inesquecible para todos, rematou cun xantar no restaurante “Casa Paco” de Redondela, nunha mesa compartida con toda a Xunta Directiva da Sociedade Cultural. Á hora do café e os licores cantamos “A miña burriña”, a cantiga coa que lle gustaba a don Paco celebrar os bos momentos. Logo deixaría o seguinte texto no libro de visitas do restaurante: “Quede aquí a miña lembranza dun bo xantar, convidado por excelentes amigos de Reboreda, no día da inauguración da Casa da Cultura. Meus parabén para os anfitrións e para Casa Paco. 10 de abril de 1994”.

Neste mesmo ano 1994 escribiría o epílogo para unha edición especial de 400 exemplares do “Sempre en Galiza”, editada por varios colectivos veciñais para regalármoslla aos alumnos do Colexio Público de Reboreda e así celebrar un novo aniversasio da Carta autonómica e o Día do Estatuto de Galicia; tamén, para conmemorar o medio século da primeira saída do prelo deste título. No 2000 prologou o libro “Reboreda, os camiños da identidade”, da autoría do profesor Gonzalo Navaza. Unha cumprida visión da riqueza toponímica desta parroquia.

Pois ben, case 30 anos despois, don Paco volve a Reboreda, á terra de Xoán Manuel Pereira (1823-1896), “O Señorito da Reboraina”. O personaxe que un día convidou a xantar a don Emilio Castelar, presidente da República, baixo a sombra do Carballo das Cen Pólas. A derradeira obra narrativa de Otero Pedrayo (1888-1976) publicada con ese título en 1960 é unha recreación literaria da singular personalidade e a novelesca biografía de Xoán Manuel Pereira: conspirador liberal, varias veces encarcerado e outras tantas fuxido, exiliado en Portugal e Inglaterra, gobernador de Pontevedra, deputado en cortes, embaixador de España na China, autor de proclamas revolucionarias…

Os próximos días 14, 15 e 16 de agosto celebraremos na “Reboraina” (Redondela), a “Alba de Reboreda”, as tradicionais festas desta parroquia, onde, ademais dos actos propios destes días, tamén contaremos co pregón de don Manuel Puga Pereira, presidente da Fundación Penzol; cun extraordinario concerto da Orquestra do Conservatorio de Redondela; co recital do grupo musical Treixadura; coa gala musical de Sheila Patricia, a voz da nova canción galega; coa banda de gaitas e baile Os Coribantes de Buchabade (Pontecaldelas); coa apertura da exposición, no patio da reitoral, cedida polo Concello de Nigrán, “Francisco Fernández del Riego, unha idea de Galicia e da liberdade”. O director da Fundación Penzol, don Xosé M. Soutullo, hanos falar de don Paco del Riego “o home que valía por mil”; coa homenaxe ao Carballo das Cen Pólas, símbolo da parroquia, onde contaremos coa palabra do antropólogo Rafa Quintía… E, tamén, coa descuberta dunha placa no tímpano do palco da música do campo da festa, co nome de don Francisco Fernández del Riego, en agradecemento por tanto, porque o deu todo por Galicia, pola súa cultura e lingua.

Han ser todas e todos vostedes benvidos, bienvenidos, benvinguts, ongi etorri.