Síguenos en redes sociales:

A música da choiva

Non sei por que todos os trens desta estación corren sempre cara ó mesmo destino. Destino único. Non sei por que todos vestimos o mesmo patrón de roupa. As mesmas cores con ese aceno falso de persoa especial. Non sei por que temos que levar os mesmos pantalóns rotos. Non sei por que temos que levantarnos máis cedo para contaminar máis. Para encher o mundo de microplásticos de morte eterna. Non sei por que temos que votar sempre ós mesmos partidos. Ó teu e ó meu. Non sei porqué temos que circular polas mesmas autoestradas. Non sei por que temos que vivir nos mesmos bloques. Non sei por que temos que seguir a mesma serie polas noites. Non sei moitas cousas. Pero gústame escoitar a música das pingas da choiva na ventá. Porque todas son distintas. Todas teñen son de seu. Gústame ver caer as follas nos camiños de bosque que ninguén transita. Gústame sentar na butaca anónima dun teatro case baleiro. Gústame a praia cando aventa e non hai xente. Gústame durmir baixo a choiva de estrelas. Gústame ir ó cine cómico mentres moreas de coches circulan pola cidade baixa buscando sexo fácil. Gústanme moitas cousas. E non sei por que.

Pulsa para ver más contenido para ti