Síguenos en redes sociales:

Rancho de Entroido

A recuperación do Rancho de Entroido da Feira converteuse nunha das novidades máis esperadas deste Carnaval 2018 no Concello de Salceda de Caselas. Despois de máis de medio século da súa desaparición, a aldea da Feira volveu recuperar do esquecemento unha das manifestacións populares máis singulares da contorna. Ás 12.30 puntuais, e vencendo a presenza indiscutible da chuvia, facía entrada na praza do Concello de Salceda de Caselas o esperado Rancho de Entroido. Os "cabaleiros" abrían o paso para que os seis danzantes e as damas puidesen lucir as súas vistosas roupas e demostrar os seus dotes bailaríns e musicais ante o público alí presente.

O acontecemento suscitou expectación desde días antes, e orixinou aplausos e recoñecemento do traballo ben feito. Un ano máis A Feira foi capaz de demostrar que con esforzo, unión e compromiso foron quen de recuperar o seu ancestral Rancho de Entroido. Unha clarísima homenaxe aos seus antepasados que os puxeron en pé, e unha respectada louvanza á cultura popular galega que nos representa como pobo.

A Feira soubo ver que detrás do actual Entroido houbo outras manifestacións populares como estes ranchos que forman parte da verdadeira esencia do Entroido máis tradicional, e que cómpre poñer en valor para recuperalos. A veciñanza da Feira pode sentirse orgullosa de revivir e ensinarnos aos máis novos unha tradición que foi capaz de superar a ditadura, mais non aos cambios sociais que foron substituíndo paulatinamente as manifestacións máis xenuínas.

Hai que recoñecer que nos tempos que vivimos é difícil atopar mozos e mozas tan implicados implícita e explícitamente no traballo comunitario que os individualiza fronte ao resto. Deberiamos tomar exemplo desta pequena aldea salcedense para potenciar o que é noso, e agradecerlles que esa é a única maneira que terán os nosos fillos e fillas de coñecer o noso verdadeiro patrimonio cultural.

O certo é que o lema da Feira ben expresa os feitos: " Unión e traballo é o noso lema".

Pulsa para ver más contenido para ti