Estes días están a ser moi duros para os que estades alí vivindo todo en primeira fila e tamén para os que estamos lonxe. Para os que estades alí, podo intentar imaxinar o terror da situación; ver coma unha lingua de lume avanza sen control algún; como queima todo o seu antoxo; como queima animais, prantas, ecosistemas, fogares, fincas, historias persoais, legados, herdanzas familiares, incluso persoas. Podo imaxinalo, pero evidentemente é imposibel sentilo, porque debe ser unha sensación tan devastadora que, a non ser que experimentase, non podería imaxinar esa dor. Aínda que non esté alí; dóeme velo.

Dóeme que a xente sufra e sufrise tanto. Dóeme ver o alma partida nos ollos da xente. Dóeme ver o terror que viviron e viven moitos. Dóeme ver as chamas xigantes que semellaban un inferno. Dóeme ver como a xente defendeu o seu como puido. Dóeme ver os meus amigos agobiados e acongoxados polo que sucedía. Dóeme ver que Galicia se sentiu sen apoio. Dóeme que non estiven para darllo, para defender a miña terra, meu fogar e miña xente. Síntome impotente de non poder facer nada.

Síntome impotente por estar tan lonxe. Síntome impotente, rabiosa e apesarada por vela impotencia da xente. Dóeme a resposta do resto. Dóeme que souben do que estaba a pasar polas redes sociais e polas mensaxes de amigos. Dóeme que a xente se sentiu soa alí. Dóeme que nos sentimos sós. Dóeme ver o verde queimado. Sinto coma se me queimaran a min, coma se por non ver o verde custárame respirar. Dóeme e choro. Dóenos e choramos.

É un loito o que vivimos en Galicia, porque se fixo e se fai moito dano. É un loito e haino que pasar; do xeito que sexa, pero haino que pasar. Para podermos construir de novo e facer mellor as cousas. Por moito que soframos, Galicia demostra a súa esencia sempre. Sempre se recupera e volta a ser ela.

Galicia é verde. Galicia é solidaridade. Galicia é apoio. Galicia é cariño. Galicia é vida. Galicia é acoller. Galicia é tradición. Galicia é moitas cousas. Pero Galicia tamén é Nós. Nós facemos Galicia. Polo que gracias. Gracias a todos por facela como é. Unha vez máis, a resposta da xente enorgulleceume e encheume de ledicia. Fagamos as cousas ben, aprendamos dos nosos erros, coidemos da nosa terra e da nosa xente. Vivamos o loito que toca vivir, cada un a súa maneira e miremos cara adiante sabendo que Galicia é o mesmo. Galicia aínda é verde. Galicia será máis verde. Galicia será verde sempre.

Loitaremos coma sempre fixemos e facemos. Defenderemos o noso; nosas terras, nosa xente, nosa historia, nosa lingua, noso legado, nosa cultura, nosas historias, nosos animais, nosas prantas, nosas árbores, nosos gandos, nosa flora, nosa fauna, nosos montes, nosos campos, nosas colleitas, noso clima, noso microclima, nosos ríos, nosas rías, noso mar, nosas illas, nosas praias, nosos traballos, nosos oficios, nosa industria, noso acento, noso sentimiento,noso esforzo. Sempre defenderemos Galicia. Sairemos adiante, como facemos sempre. Galicia é forte. Galicia é valente. Galicia é sempre.