A primeiros de novembro publicouse por uns expertos galegos unha serie de conclusións tendentes a fusionar concellos en Galicia. Eu recoñezo que non son un experto en Administración, mais teño un pequeno coñecemento pois fun Tenente Alcalde varios anos nun concello de 12.000 habitantes e coñezo perfectamente outro concello rural dos que teñen menos habitantes de Galicia.

O primeiro que me gustaría dicir-lle a estes Sres. é que tiñan que empezar a facer os estudios noutros territorios, por exemplo, en Burgos, provincia que conta con 371 concellos -Galicia enteira so ten 312-, Salamanca con 362, ou Barcelona con 311, e así a maioría das provincias do Estado. Como se pode ver, provincias ricas e pobres. O mellor sacaban unha simple conclusión, que é, que si para os cidadáns destas provincias, o nº de veciños por Concello, non parece que sexa o seu gran problema, para os cidadáns galegos aínda sería moito menor.

Tamén me gustaría que a continuación se dirixiran a Cantabria, La Rioja, Madrid, etc, provincias, tamén con moitos máis concellos que calquera galega, e que apreciasen como os cidadáns dos concellos desas provincias viven mellor ou polo menos igual que os veciños galegos, o que demostra perfectamente a inutilidade das Deputacións, que as provincias citadas non teñen. Dígolle isto, porque si o que pretenden é un aforro económico para a Administración deberían de empezar por algo moito máis conciso e perfectamente medible. Simplemente coa desaparición das Deputacións, e si o seu presuposto se repartise directamente entre os Concellos e a Xunta, os veciños notarían unha mellora importante.

É moi difícil demostrar que os veciños dun Concello de máis cidadáns teñan máis beneficios que outro de menos. A miña experiencia e que cando nos anos oitenta, veciños de parroquias de A Capela, despois dun referendo, se xuntaron ó Concello das Pontes, fundamentalmente por motivos xeográficos, os veciños de A Capela -quedaron moi poucos- non perderon beneficios de ningún tipo, eu diría que foi o revés. Basearse en que un Concello de 5.000 habitantes recibe un 17% máis de recursos que un de 4.999 non ten sentido, e si é certo, o que hai que facer e cambiar a lei para que isto non se produza, ou é que defendemos que existan veciños de 1ª e de 2ª? Si os veciños dos concellos fusionados de Oza e Cesures, van ter tantos beneficios pola fusión, porque a Xunta ten que darlles axudas por fusionarse?

Deberíamos deixar cos veciños, que tamén saben algo, tomen a decisión que eles vexan máis oportunas, e si nalgún lugar os veciños de dous ou máis concellos queren fusionarse, que o fagan, sempre con referendo, como se fixo cando algúns se separaron, e non como se quere facer agora: dende decisións das institucións superiores. As concentracións escolares foron quizais un aforro para a administración central, máis un desastre, que contribuíu o despoboamento do rural galego, e algúns, fundamentalmente urbanitas, parece que queren seguir nesa liña.

Outra cousa sería favorecer as concentracións de servizos a través de comarcas, mancomunidades ou areas metropolitanas, aí si que se pode avanzar moito. Ou facendo, nalgúns Concellos moi pequenos, que algún funcionario, como o Secretario, poida atender a máis dun concello. Moita xente non temos dúbidas de que, sobre todo no interior de Galicia, eliminando concellos, dariámoslle o xaque mate definitivo ó medio rural. É innegable que os veciños canto máis próximos teñan os servizos, é mellor para os seus intereses.