Síguenos en redes sociales:

Resposta a un médico de Povisa

Luisa Carreira Estévez - Vigo

O pasado venres quedei ben escandalizada ao ler o que un médico da denominada “Galicia bilingüe” escribía nesta sección. Nada menos que contaba con pelos e sinais o que o marido dunha paciente contou na consulta. O señor Larrauri contounos a todo Vigo a súa conversa con ese home sen aforrar calificativos como o de “acomplexada” que segundo dicía na carta verteu a parella da devandita señora.

Tomo moi boa nota para cando vaia a Povisa coa miña parella, de avisalo que teña a boca ben caladiña acerca do meu psíquico, físico ou social, sabendo que pode tocarlle un militante da asociación españolista con gañas de contar a todo o mundo o que se supón unha consulta privada, para atacar logo en público o galego e o dereito dos galegofalantes a utilizar a lingua que lles pete, e polas razóns que lles pete: por complexo, ou por facer unha promesa ao Cristo da Victoria.

Outra cuestión que me chama poderosamente a atención é o concepto de exercicio da Medicina que ten o señor Larrauri. Eu entendo que cando un médico utiliza a mesma lingua que o paciente cando este llo pide, fai máis fluída a comunicación, crea un entorno de empatía e confianza, que fai máis fácil e humano o trato, e polo tanto o traballo e o servizo. Isto non é o imprescindible, pero desde logo é positivo e suma. Por certo: se en Povisa os médicos falan en galego ao paciente e este pídelles que o fagan en castelán, non tardarán nin medio segundo en facelo. ¿Por que non ao revés? A resposta: “Porque estamos en España y bla bla...”

Por sorte hai unha Constitución e un Estatuto que non teñen ese concepto xenófobo e clasista de España e Galicia. Por sorte a maioría dos profesionais da medicina desta cidade e de Galicia, da sanidade pública e tamén de Povisa teñen un concepto respectuoso dos seus pacientes e da súa profesión. Non só porque non utilizan o nome do hospital nas súas cruzadas senón porque, na maioría dos casos, te atenden no teu idioma sen que nin sequera faga falta pedirllo.

Pulsa para ver más contenido para ti