Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os camiños da vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

Historia dun Día

Cartel da primeira edición do Día das Letras Galegas, en 1963. FdV

Haberá cousa de sesenta anos, entre chuchadela e chuchadela no habano, F.F. del Riego informoume de que presentara na Academia Galega a iniciativa de creación dun “Día das Letras Galegas”. Mencionoume que asinarían a proposta, alén del, o arquitecto Manuel Gómez Román e mailo historiador Xesús Ferro Couselo. Aínda que o vin esperanzado co proxecto, Del Riego non parecía ventar, nin de lonxe, o éxito que, co tempo, ía obter a celebración. A data do 17 de maio foi a escolleita por ser aquela na que Rosalía de Castro asinara a dedicatoria da 1ª edición de Cantares Gallegos a Fernán Caballero (Cecilia Bohl de Faber) en testemuño de admiración feminista. Isto, a pesares de que a destinataria usaba dun pseudónimo masculino o que contrariaría os principios de Rosalía de Castro. Por certo, as escritoras de Galicia do século XIX eran alleas a esta práctica editorial masculinizante.

E o I Día das Letras Galegas dedicado a Rosalía eclosionou cen anos despois de se imprimir os Cantares no taller de Compañel, rúa Real de Vigo. En todas as cidades e vilas de Galicia houbo actos en 1963 e referidos ás Letras Galegas. Desde a súa primeira edición, o Día foi impulsado pola rede de Asociacións Culturais próximas ao nacionalismo de esquerda. Ano tras ano, o Día foi chegando á actualidade e medrando e incorporando novas ideas e valoracións históricas suxeridas pola designación dun escritor ou escritora.

A RAG recibe, durante todo o ano, propostas de aquí e de acolá. A partir de aí, sucédense os actos, discusións, música e plástica, pensamento e creación poética. Ás veces simples coloquios e, outras, congresos. O autor escolleito, e con el ou ela, a historia de Galicia e da súa literatura vaise revisando. Autores destinados a desaparecer no esquecemento, coma María Mariño, reviven perante o desconcerto de algúns. Grandes do poder e da gloria, tal o rei Afonso o Sabio, achéganse a todos desde as súas criptas douradas para nos falar, no galego cotián da época, de viño e comida, de amor físico e de pena, alternando a enxurrada lírica coa inxenua narración do paxariño hipotético de Armenteira.

Houbo un intre no que o poder inimigo ameazou a lingua (e segue na insidia, ollo) e o Día alporizouse e saiu a rúa en grandes demostracións políticas. Un 17 de maio, a Academia celebrou o P. Sarmiento en Vilafranca do Bierzo: os asistentes encheron o seu teatro nun acto monolingüe e aplaudido a rabiar. Memórase o altísimo nivel que tiveron congresos que, arredor do Día, tiveron lugar en Tui ou Mondoñedo, por poñer uns casos consagrados a X.M. Álvarez Blázquez e a Álvaro Cunqueiro respectivamente. En Vilanova dos Infantes, cada 17 de maio congréganse multitudes na romaría etnográfica Raigame. E así foi pasando, coma un río de orgullo e solidariedade, o Día das Letras Galegas. Na lembranza colectiva permanecerá sempre viva a potente figura literaria de Luísa Villalta.

Compartir el artículo

stats