Opinión | CAMPO DE GRANADA

Viguesas distinguidas

Entréganse hoxe as distincións “Vigueses e viguesas distinguidos” coas que o Concello de Vigo, segundo establece no seu Regulamento de honras e distincións, recoñece “a persoa ou grupo de persoas que sobresaíron ao longo da súa vida polas virtudes humanas ou polo seu quefacer profesional; vigueses famosos, populares e mesmo, nalgúns casos, persoas que polo seu traballo calado ou polo seu persoal rexeitamento de todo protagonismo non son coñecidos pola maioría”. Recoñecementos que xunto coa Medalla de Ouro da Cidade se veñen outorgando o día da Reconquista, dende o 28 de marzo de 1987.

Foron as primeiras Viguesas distinguidas Carmen Roel Rilo, fundadora de El Mosquito, e Milagros Molares Lago, promotora dos Campionatos de Fútbol Praias. Foron os primeiros Vigueses distinguidos Manuel de Castro, vendedor de prensa que voceaba polas rúas do centro os xornais do día; Ángel Llanos González, fotógrafo de prensa, terceira xeración dunha familia de gráficos que deixou 135.000 pezas tiradas en Vigo e comarca; o Hotel Bahía, inaugurado en 1971; Nicolás Peña Martínez, médico urólogo, humanista, director durante moitos anos do Hospital Municipal (instalacións que hoxe levan o seu nome); e José Villamil Pérez, médico psiquiatra de longa traxectoria. Séndolle outorgada a Medalla da Cidade a Fernando Alonso Amat, funcionario de Facenda, delegado da Zona Franca, presidente do Club Naútico, comprometido coa causa democrática e da igualdade.

Estes recoñecementos municipais actuais tiveron varios precedentes. O primeiro nos premios “Uve de Vigo” outorgados o 9 de febreiro de 1974 nunha cea no Hotel Bahía, organizada pola emisora ‘La Voz de Vigo’ (EFE 31), integrada na Rede de Emisoras do Movemento, que recibiron os empresarios José Fernández López (Pescanova) e Alejandro Barreras, o presidente do Círculo Mercantil e Industrial Camilo Veiga, a Cámara de Comercio e a ETEA, centro de formación da Armada. Como outro antecedente foi a homenaxe que en 1985 recibiu con motivo da súa xubilación Víctor Homen de Almeida, durante catro décadas vice-cónsul de Portugal en Vigo, e grande celtista e amante da cidade, a quen o cronista Lalo Vázquez Gil considera de feito o “primeiro vigués distinguido, cando non existía ese nome”. Como precedente máis achegado foron os “Premios Reconquista” outorgados en 1986 pola Xunta de Goberno, a proposta do alcalde, que coincidindo coa entrega da Medalla da Cidade ao empresario e escritor Valentín Paz Andrade, recoñeceron o labor destacado nos eidos económico, social, cultural ou deportivo da Caixa de Aforros Municipal de Vigo, da emisora educativa Radio Ecca, do atleta Alejandro Gómez Cabral e do grupo punk Siniestro Total.

“Recoñecemento honorífico, que todas elas reflicten con orgullo no seu currículo máis íntimo, tanto as que aquí naceron como as que (a maioría) decidiron aquí construír os seus proxectos vitais e profesionais, unha adscrición de pertenza que conforma o inequívoco espírito republicano dunha cidade emprendedora, aberta, solidaria e sempre xenerosa no esforzo colectivo”

Tras cincuenta anos da entrega daquelas uves pioneiras, case trescentas persoas, empresas, centros educativos, clubs deportivos, asociacións culturais e entidades diversas foron recoñecidas como “Viguesas distinguidas”, referentes cidadáns e cívicos polas súas achegas diversas á construción da cidade de Vigo como espazo de convivencia e desenvolvemento urbano. Recoñecemento honorífico, que todas elas reflicten con orgullo no seu currículo máis íntimo, tanto as que aquí naceron como as que (a maioría) decidiron aquí construír os seus proxectos vitais e profesionais, unha adscrición de pertenza que conforma o inequívoco espírito republicano dunha cidade emprendedora, aberta, solidaria e sempre xenerosa no esforzo colectivo. Nomeamentos realizados polo concello de Vigo, tradicionalmente de forma unánime, coas achegas dos diversos grupos municipais e ao fío dos avances e conquistas de dereitos, o que salienta o carácter inclusivo e transversal dunhas distincións que afagan tanto a quen as recibe como a quen as outorga.

Con este espírito de constituír referentes recibirán hoxe o seu nomeamento como Distinguidas as comunidades educativas do Colexio Público Lope de Vega, o Instituto da Guía e o Colexio Quiñones do Calvario, como os participantes no proxecto “Sons das flores” do Colexio Público Vicente Risco. Como por constituír referentes deportivos son Distinguidos os clubs de baloncesto Seis de Nadal de Coia, o Celta de Atletismo e o centenario Club Deportivo Coia de Fútbol. Como por ser referentes comunitarias e musicais son Distinguidas as corais polifónicas do Centro Cultural de Valadares e da Sociedade Atlántida de Matamá, o falecido folclorista Emilio Sotelino e a Asociación de Viúvas Demócratas. Como por ser referente humana, cultural e social é Distinguida a escritora e activista viguesa María Reimóndez, que escribiu libros preciosos de temática viguesa, como Unha xigante ira colectiva (Elvira 2019) ou Furia (Xerais 2023), cerna do actual Vigo literario. Parabéns a tan merecidas Viguesas distinguidas!

https://bretemas.gal/

Suscríbete para seguir leyendo