Opinión

Outra celulosa no millo

Cando te deteñen nos States, e o policía espósate murmurando “Ten dereito a gardar silencio. Calquera cousa que diga, pode e será empregada na sua contra...”, ese responso tan de peli son os “Dereitos Miranda”. Agochan unha curiosa historia detrás pero resumindo, pretenden defender ao arrestado para non autoinculparse, a que garde silencio e a estar asistido por un avogado en todo momento. Velaquí a famosa Quinta Enmenda, esa á que se recorre para evitar responder preguntas delicadas con respostas potencialmente incriminatorias. Donald Trump botou man dela en 2022, durante o interrogatorio da Fiscal Xeral de Nova York que indagaba nunhas comenencias da corporación Trump. Fora moi sonada aquela evasiva do expresidente, porque rápido a hemeroteca lle lembrou outras palabras súas, ao principio do mandato, onde –criticando a dous asesores de Hilary Clinton que a invocaran–, referira con sorna que “acollerse á Quinta é de mafiosos”, pois é ben sabido que nos xuízos ao crime organizado todos sen excepción agarrábanse á Quinta, pola conta que lles tiña.

“Altri, en Palas, contempla producir 200.000 toneladas de pasta das cales obter 60.000 de fibras téxtiles sostibles”

Agora, coñecendo os plans de Altri, os verdadeiros, que son montar unha factoría de pasta de papel ou de papel soluble, que tanto monta. É dicir, outra celulosa no millo, disque o noso Trump tamén invoca a Quinta e ata os “Dereitos Miranda” para non inculparse, ficar calado ata que a TVG nos convenza das bondades da ecoindustria e contar con bos xuristas. Que non é por desconfiar, seguro que as intencións son as mellores pero Lourizán tamén ía ser “motor de desarrollo” e quedou en fábrica, perdón, biofábrica de celulosa, exportando o 97% da sua produción (515.000 toneladas en 2022), que só é pasta de eucalipto. Unha ‘commodity’, materia prima sen apenas procesado: baixo valor engadido e proceso de transformación con altos custos ambientais.

Altri, en Palas, contempla producir 200.000 toneladas de pasta das cales obter 60.000 de fibras téxtiles sostibles. Que a verdade, tendo en conta o que exporta Pontevedra, xa podían asociarse e aforrarnos un novo cocedoiro de repolo. Seica non, que estes tamén queren xogar ao Quimicefa; ter a pasta e logo procesala. Ben, sexa así, pero tampouco que nos tomen por parvos. É unha celulosa. Con todo, fagamos de tripas corazón, e que esta sexa a nosa oportunidade fabril. Desde aquel 1963 en que Franco chantou Ence na Ría de Pontevedra agardábamos por esa industria transformadora que engadise valor á celulosa virxe; porque namentres á beira do Lérez cociñábamos polpa de eucalipto, en Aragón, Cataluña ou Euskadi manufacturaban papel, cartón, envases lixeiros ou tissue para uso hixiénico-sanitario. Eso si, como xa levamos varios desgustos, será mellor acollerse á Quinta Enmenda, gardar silencio, e pronto comprobaremos se nos colan outra celulosa e os téxtiles –se os hai– onde se tecen.

Suscríbete para seguir leyendo